Montefurado, un prodixio romano que chegou ata os nosos días

As pegadas da presenza romana son aínda visibles en moitos puntos de Galicia en forma de construcións de diversa índole: desde pontes ata restos de camiños, campamentos e mansións pasando por, seguramente, a máis emblemática de todas elas: a Muralla de Lugo. Pero estas terras gardan outra representativa testemuña daquela época que serve para entender o empeño e a capacidade técnica daquel pobo. Trátase do túnel de Montefurado, un paso que propiciou que o río Sil desviase o seu curso para atravesar a ladeira dun monte.

 

Situado no municipio lugués de Quiroga, este túnel remóntase ao século II, na época do emperador Trajano, e é unha mostra máis da importancia que a industria aurífera tiña xa en tempos do Imperio Romano. A febre do ouro levoulles a furar montañas en busca do prezado mineral modificando de forma radical a paisaxe e salvando toda clase de obstáculos. Nin sequera o poderoso leito dun río como o Sil lles impediu  levar a cabo os seus plans, tal como nos lembra Montefurado comezando xa polo seu propio nome.

 

Foi o desexo de extraer o ouro que se escondía no leito areoso do gran meandro que o río traza na zona o que levou aos romanos a proxectar unha maneira de desviar o leito e acometer así unha obra de enxeñería sen parangón no resto do Imperio. As súas dimensións seguen asombrando hoxe en día a quen o contempla desde as marxes das modernas vías de comunicación ou, mellor aínda, desde puntos como o miradoiro de  Anguieiros. As cifras falan por si soas da magnitude da obra a pesar de que un derrube ocorrido en 1934 por mor da erosión provocada por unha gran crecida do río reduciu notablemente o tamaño do túnel. Na actualidade ten unha lonxitude total de 52 metros (fronte aos 120 metros do trazado orixinal) e unha altura e anchura media que roldan os 20 metros. A profundidade da auga sitúase ao redor dos 12,5 metros aínda que varía en función das choivas e do caudal do río.

 

Crese que o túnel foi escavado mediante unha técnica que consistía en aplicar lume sobre a roca para quentala e despois arrefriala bruscamente con auga para provocar roturas polo cambio térmico. A continuación, con axuda de ferramentas metálicas procedíase a acabar de romper e retirar as placas de lousa. Non se coñecen datos concretos sobre o desenvolvemento dos traballos, pero algúns investigadores sosteñen que o campamento romano desde o que foron supervisados instalouse na aldea de Sesmil e hai quen defende que a orixe dese topónimo tería que ver, precisamente, co tamaño do destacamento alí situado.

 

O suceso de 1934 non só derrubou parte do túnel e propiciou que o Sil volvese discorrer temporalmente polo seu leito orixinal, senón que provocou que se perdesen os restos da fortaleza que se alzaba a zona do monte que colapsou, o Castelo de Pena dous Curvos. E novas crecidas do río e algúns pequenos desprendementos espertaron nos últimos anos a voz de alarma sobre a necesidade de preservar esta prodixiosa obra que nos segue permitindo viaxar atrás no tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *