As “catedrais” que se agochan nas montañas de Trazo e O Pino

“Igrexa principal do territorio eclesiástico que está baixo a xurisdición dun bispo ou dun arcebispo”. Esa é a denominación de catedral que nos podemos atopar no dicionario. En Galicia contamos con cinco destes templos (Santa María, en Lugo; Santa María da Asunción, en Tui; Virxe da Asunción, en Mondoñedo; San Martiño, en Ourense, e Santiago, en Santiago de Compostela) aos que podemos sumar tamén os de Ferrol (San Xulián) e Vigo (Santa María da Asunción) pola súa condición de concatedrais debido a que comparten sede con dúas das anteriores. Pero a tradición popular, que non sempre se cingue á doutrina eclesiástica, elevou polo menos  extraoficialmente a esa mesma categoría a dúas igrexas que pouco teñen que ver coas precedentes.

 

Trátase de San Xulián de Lardeiros, igrexa situada no municipio do Pino, e da ermida de Santa Eufemia e San Mateo en Vilouchada, situada en Trazo. Son dúas construcións que comparten o sobrenome popular de “catedral da montaña” e varios elementos máis que as converten en lugares dignos de ser visitados. En ambos os casos, ese título oficioso ten a súa orixe no feito de presentar unhas dimensións e unhas características estéticas que non son as habituais para a contorna rural na que se atopan.

 

Hai quen sinala que foi o historiador Eugenio Carré quen acuñou o termo de catedral da montaña para a capela de Santa Eufemia e San Mateo de  Vilouchada e o certo é que quen se achega ata alí non deixa de asombrarse cando comeza a entrevela entre os carballos que a rodean. O edificio, de estilo neoclásico, foi levantado no século XIX e os seus elementos máis característicos son o frontón triangular que preside a súa fachada, a monumental escaleira que nos leva ata a súa porta e a cúpula octogonal que coroa o cruceiro.

 

A carballeira que rodea a igrexa non só lle brinda unha bonita contorna, senón que serve de escenario ideal para as romarías que alí teñen lugar dúas veces ao ano en honra dos santos aos que está dedicado o templo: o 16 de setembro, con motivo de Santa Eufemia, e só uns días despois, o 21, por San Mateo. Son dúas xornadas nas que o culto relixioso convive co ambiente festivo, a música, o baile e cun par de rituais relacionados con outros elementos que se atopan nas súas inmediacións: O cruceiro forma parte do percorrido das procesións e a fonte e a Pedra dos Cadrías próximos á capela son un lugar de visita habitual para aquelas persoas que queren superar o  reuma ou a esterilidade. 

 

Relixión, natureza e festexos conviven tamén na catedral da montaña do Pino. Desde o  Concello explican que ese sobrenome co que é coñecida a igrexa de San Xulián de  Lardeiros débese ás súas dimensións e á súa beleza. Do mesmo xeito que ocorre coa capela de Vilouchada, a súa silueta sorprende ao visitante que chega por primeira vez ata este templo situado non moi lonxe do trazado dunha das rutas de peregrinación cara a Compostela que atravesan o municipio do Pino: o Camiño do Norte. A igrexa, do século  XVII e estilo barroco, está enmarcada por un pequeno muro de pedra que pecha o seu coidado atrio, e nunha das esquinas do recinto pódese ver unha oliveira centenaria. Un par de bancos convidan ao visitarse a tomar asento baixo a súa sombra e gozar dunha paraxe cuxa estampa completa un bonito cruceiro datado en 1700. Tamén este lugar é escenario de actos festivos, debido a que na parroquia celebran o Corpus, o último domingo de xullo, e o San Ramón, a finais do mes de agosto. Ademais, a igrexa de Lardeiros é unha das visitas principais da ruta deseñada desde o Concello do Pino para dar ou coñecer pártea norte do municipio e que foi bautizada como Itinerario Cultural da Montaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *