A tradición das cabanas de palla segue viva en Zas

Cabana, palleira, palleiro, meda… Son case máis os nomes diferentes que coñecemos que os exemplares que se poden admirar hoxe en día, pero no municipio coruñés de Zas levan xa varios anos traballando para manter viva a memoria dunha curiosa manifestación do traballo tradicional agrario que sucumbiu ante a modernización e os cambios de usos no campo: as cabanas de palla de millo.

 

O exemplar que se pode ver hoxe en día na parroquia de Carreira grazas ao empeño dos membros da asociación O Santiaguiño permítenos coñecer unha práctica rural que desapareceu hai xa varias décadas e serve tamén de demostración de como a falta de medios era suplida noutros tempos con sinxeleza e enxeño. A finalidade principal da cabana, que así é como segue a ser coñecida no lugar, non era outra que protexer a propia materia prima da que estaba feita servindo a un tempo de continente e de contido. 

 

Uns poucos paus de madeira cravados no chan, dispostos en círculo e unidos no seu extremo superior para formar unha estrutura cónica son o esqueleto destas construcións que se elaboraban na época da recollida do millo coa palla sobrante do proceso. Os grans eran o ben máis prezado daquela actividade, pero as canas que sustentaban as espigas tamén tiña un valor importante para os agricultores debido a que servían para alimentar ao gando durante o inverno. Como as posibilidades de transporte e almacenamento eran poucas, as cabanas levantadas coa propia palla convertéronse na opción ideal para realizar ese labor xa que a cuberta exterior mantiña a parte interior a resgardo das inclemencias meteorolóxicas. Eran, pois, construcións con data de caducidade posto que ían desaparecendo a medida que a palla era retirada para que o gando puidese comer.

 

A elaboración destas cabanas, como ocorría con outros moitos labores agrarios, era unha actividade colectiva na que participaban distintos veciños. E pola súa propia forma, cunha abertura e un espazo oco no seu interior a estrutura resultante era empregada polos habitantes do lugar como refuxio cando o mal tempo os sorprendía en plena faena agrícola e como punto de encontro. Do mesmo xeito que ocorría coas lareiras, os lavadoiros, os muíños e outros lugares relacionados coa vida rural, as cabanas tamén eran un espazo propicio para compartir historias e confidencias.

 

A modernización das instalacións agrícolas e o cambio na forma de alimentación do gando propiciou o abandono desta práctica ata a súa case total desaparición. En Carreira, foi a comezos da década pasada cando se decidiron a recuperar esta tradición poñendo en pé unha nova cabana e converténdoa en motivo de celebración colectiva e de reafirmación de orgullo do mundo rural. Desde entón sucedéronse xa varios exemplares para goce de calquera que se achegue ata esa parroquia de Zas. Esta singular mostra da vida e o traballo no mundo rural agarda alí a quen queira contemplala de preto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *