A pegada dos bretóns e o bispo Maeloc na Pastoriza

Son varios os vínculos que unen a Galicia coas illas Británicas. Moitos móvense directamente no terreo no que a historia e a lenda se confunden, como o relato que sitúa a Lancelot en Cedeira ou o que conta que os fillos do caudillo celta Breogán foron conquistar Irlanda tras ver aquelas terras desde a torre que o seu pai levantara nesta beira do Atlántico. Pero se hai un sitio no que esa relación é máis evidente e segue hoxe en día moi presente é nunha pequena parroquia do municipio lucense da Pastoriza de nome revelador: Bretoña.

 

O propio topónimo xa nos avanza que se trata dun lugar de connotacións históricas e as investigacións levadas a cabo polo escritor e arqueólogo Manuel Chamoso Lamas así o confirmaron hai xa varias décadas desvelando que foi alí onde un grupo de poboadores chegados desde a provincia romana de Britania estableceu a súa capital no ecuador do primeiro milenio. O motivo dese éxodo estaría ligado ao proceso de desintegración do Imperio Romano e ao acoso ao que se viron sometidos por parte das novas autoridades os poboadores de orixe celta que se cristianizaran. Moitos buscaron refuxio na Europa continental navegando ata Armórica (que comprendía, entre outros territorios, a actual Bretaña francesa e  Normandía) ou dirixíndose máis ao sur ata chegar ás costas da provincia de Gallaecia. Á fronte destes últimos estaba Maeloc, un bispo que estableceu a diocese de Britonia e cuxa existencia aparecería recollida nas actas do Concilio de Braga celebrado no ano 572.

 

As referencias ao bispado de Britonia nos documentos conciliares mantivéronse durante dous séculos e as investigacións arqueolóxicas levadas a cabo hai case 50 anos por Chamoso Lamas en Bretoña arroxaron máis luz sobre o seu emprazamento. O que foi presidente da Real Academia Galega de Belas Artes acudiu ata esa parroquia da Pastoriza atraído tamén por algúns topónimos como O Bispado. Na igrexa parroquial de Santa María e na súa contorna descubriu, ademais de varios sepulcros antigos, uns muros perimetrais e unha construción  semicircular que identificou como restos do palacio e da catedral de  Maeloc. Sería este, segundo esa interpretación, o lugar onde se asentaba a sede dunha diocese que segundo o concilio de Lugo do ano 569 chegaba desde o Mosteiro Máximo ata terras de Asturias. O emprazamento mantívose durante un par de séculos, ata que o empuxe musulmán obrigou aos moradores do lugar a refuxiarse un pouco máis ao norte, propiciando así a construción da basílica de San Martín de Mondoñedo (Foz).

 

Os detalles da forma de vida e a organización daqueles asentamentos perdéronse no pasado, pero a pegada de Britonia segue viva en Bretoña e converteuse nun motivo de orgullo e reivindicación para os habitantes da Pastoriza. De feito, aquel episodio histórico inspirou a posta en marcha dun centro de interpretación no que é posible achegarse a aquela época a través de paneis informativos e dalgunhas réplicas das pezas de cerámica e xoias que foron atopadas nas escavacións realizadas na zona. Os paneis mostran o contexto histórico da época da chegada da poboación bretoa, a situación na que se atopaba Galicia e cuestións de interese como o papel que xogou Manuel Chamoso Lamas ou a pegada que deixaron na zona outras personalidades diversas. O CIN Bretoña ten a súa sede nunha vivenda construída hai un século por un emigrante retornado de Cuba e rehabilitada para este novo uso polo Concello da Pastoriza en datas moi recentes.

 

A igrexa de Santa María e a fonte situada na praza central da parroquia e coroada cunha estatua de Maeloc completan o tríptico principal dos bretóns de Bretoña e permiten ao visitante tratar de albiscar a pegada de quen escribiu esta importante páxina da historia local.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *