A pegada arquitectónica de Domingo de Andrade

A arte barroca non se entende en Galicia sen a figura de Domingo Antonio de Andrade, arquitecto nado na vila de Cee en 1639 e falecido en Santiago de Compostela en 1712. É na capital galega onde máis segue presente a pegada deste inquieto creador que en 1676 se converteu en mestre maior da súa catedral, pero cidades e vilas das catro provincias galegas gardan hoxe boa parte do legado de quen chegou a ser un gran referente para outros moitos arquitectos galegos. A continuación propoñémosche un percorrido por Galicia a través dalgunhas das súas obras máis destacadas.

 

A Torre do Reloxo e outros espazos da Catedral de Santiago

A Torre do Reloxo, tamén coñecida como a Berenguela, da Catedral compostelá é a obra máis emblemática de Domingo de Andrade, pero non a única pegada que deixou na basílica e nos seus arredores. Andrade aproveitou as bases dunha primeira torre proxectada no século XIV para levantar esta famosa estrutura que alberga a campá principal da basílica e que destaca pola súa estrutura esvelta e harmónica, e pola súa bela decoración. Esas características convertérona nun dos elementos máis coñecidos da catedral compostelá. A lanterna que durante os Anos Santos permanece acendida no seu parte superior como faro para os peregrinos incrementa aínda máis o seu valor simbólico. Andrade ocupouse tamén da fachada da Catedral cara á praza da Quintana e da enxeñosa trompa con forma de vieira que ideou nun lateral da fachada de Praterías para unir o cruceiro da catedral coa planta primeira do claustro. Así mesmo, participou na reforma que lle deu o seu aspecto actual á Porta Santa e na execución de dous dos edificios que completan todo ese espazo incrementando a súa monumentalidade: a Casa da Parra e a Casa da Conga.

 

San Domingos de Bonaval

A fundación do convento compostelán de San Domingos de Bonaval sitúase nos comezos do século XIII e a tradición atribúea ao propio santo con motivo da peregrinación que realizaría a Santiago naquelas datas. Pero o aspecto actual deste monumento, sede hoxe en día do Museo do Pobo Galego, débese en boa medida ás obras encargadas a Domingo de Andrade a finais do século  XVII. Súa é a fachada da portería, o claustro e a espectacular escaleira tripla helicoidal, que está considerada como unha das principais mostras do enxeño e o virtuosismo de Andrade. A forma en que inseriu nun mesmo espazo tres ramplas independentes que conducen a tres pisos diferentes segue asombrando a todo aquel que a contempla

 

Catedral de Lugo

A basílica lucense é outro dos monumentos nos que Andrade deixou a súa pegada xunto con outros mestres do barroco galego como Fernando de Casas Novoa, cuxas obras conviven tamén na catedral compostelá. Neste caso, Andrade ocupouse dos traballos da sancristía e a sala capitular, estancias nas que se deixan ver os seus característicos ornamentos con motivos florais.

 

Igrexas de Santiago A Nova e de San Xoán de Tirimol

Os responsables do antigo convento dominico de Lugo, na actualidade igrexa de Santiago A Nova, tamén contaron co talento de Andrade para acometer algunhas actuacións durante o século XVII. De feito, crese que o convento foi a orixe dos tres retablos que se poden ver na actualidade na igrexa parroquial de San Xoán de Tirimol, tamén no municipio lucense, e cuxa autoría se atribúe ao arquitecto ceense. 

 

Catedral de Ourense

Na época na que Andrade atopábase acabando a Torre do Reloxo da catedral compostelá foi chamado desde Ourense para facerse cargo do proxecto da capela que debía albergar o prezado Santo Cristo da catedral da cidade das Burgas. Pero neste caso non puido ocuparse do proxecto na súa totalidade e houbo de ser terminado por Francisco de Castro Canseco. Tamén se atribúe a Andrade a autoría dos planos seguidos para a reforma que foi acometida a finais do século XVII nun edificio civil da actual avenida de Pontevedra. 

 

Pazo de Santa Cruz de Ribadulla

Andrade foi, así mesmo, un dos arquitectos aos que recorreu Andrés Ibáñez de  Mondragón, primeiro marqués de Ribadulla, para reformar as Torres e o Casar de Ortigueira, no municipio de Vedra, e comezar a configurar as construcións do actual Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, unha das edificacións señoriais máis importantes de Galicia, famosa especialmente polos seus xardíns.

 

Igrexa do convento das Clarisas de Tui

Entre a riqueza monumental da cidade de Tui hai tamén espazo para outra mostra máis do traballo de Andrade. É o caso da igrexa do convento das Clarisas, proxectada no ano 1688 para completar un recinto fundado a comezos do século XVI sobre un convento medieval anterior.

 

Igrexa de San Pedro de Buxantes

Ademais do retablo da igrexa da súa vila natal, que resultou destruída durante a invasión francesa de comezos do século XVIII, Andrade acometeu outros traballos na comarca que o viu nacer. Así, atribúeselle a autoría do campanario da igrexa de San Pedro de Buxantes, no municipio de Dumbría, no que algúns estudosos perciben similitudes coa Torre do Reloxo compostelá.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *