O viño D.O. Valdeorras, calidade centenaria.

A comarca de Valdeorras, na provincia de Ourense, é unha zona con forte tradición vitivinícola que acolle un total de nove municipios. Aínda que se falamos da Denominación de Orixe Valdeorras a superficie limítase aos concellos de Larouco, Petín, O Bolo, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Rubiá e Carballeda de Valdeorras.

As zonas de produción desta D.O. caracterízanse, entre outras cousas, porque ocupan parte das concas dos ríos Sil, Xares e Bibei. Unha paisaxe única onde se mesturan as terras avermelladas, os chans de lousa ou graníticos e outras plantacións como as oliveiras ou os castiñeiros. Pola súa banda, e aínda que esta zona se caracteriza polas temperaturas extremas, o clima da comarca goza dunha orientación especial que achega unhas condicións excepcionais de sol e temperatura para esta denominación.

A orixe destes caldos remóntase á época romana onde xa se daban as condicións idóneas para o cultivo desta especialidade. Grazas ao duro traballo de agricultores e produtores de viño, a Denominación de Orixe Protexida Valdeorras conseguiu o recoñecemento no ano 1945 por Orde Ministerial. A partir deste momento, os esforzos centráronse en recuperar variedades como o  Godello e o Mencía, comezouse a apostar pola calidade e o control, púxose especial atención á promoción e por suposto, buscáronse novos camiños de comercialización e explotación.

Aínda que os viños máis característicos da D.O. Valdeorras son os monovarietais,  Godello nos brancos e Mencía nos tintos, tamén se elaboran outros co resto das variedades. Dentro das variedades brancas podemos atopar tamén Dona Branca e Palomino, e dentro das variedades tintas Brancellao, Merenzao, Sousón, Alacante, Garnacha Tintorera, Gran Negro, Negreda e Tempranillo.

Con todo, se hai algo que non podemos esquecer destacar desta D.O., é que existen unha gran cantidade de adegas tradicionais onde o coidado do viño e a súa elaboración se preparaba en covas escavadas na terra. Adoitan atoparse no alto das aldeas e nas ladeiras máis escarpadas, e aínda que se atopan baixo terra, delátanas as súas chemineas coñecidas como ‘refugallo’. A función destas peculiares chemineas non era outra que favorecer a ventilación e regulación da temperatura do interior.

Se te animas a velas, os concellos da Larouco, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras contan con algunhas das covas en mellor estado de conservación e ademais, aptas para visitas. Por exemplo, a coñecida como ‘A Mina’, na Rúa, que data do século XVIII, onde a adega Joaquín Rebolledo madura os seus viños de crianza. Seguro que che encanta!

En definitiva, a calidade dos viños con Denominación de Orixe Valdeorras é indiscutible. Son un referente nacional e internacional do sector e, desde logo, a rexión na que se cultivan ten moito que ver. Se tes a oportunidade de coñecer de preto a historia e tradición vitivinícola da comarca, non a deixes pasar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará. Os campos obrigatorios están marcados con *