Lalín volve honrar o Cocido cunha festa que presume xa de internacionalidade 

Se hai un prato que pode reclamar a súa condición de manxar invernal por excelencia da cociña galega ese é o cocido. E se hai unha localidade que presume de ser a capital desta preparación esa é Lalín. Hai xa máis de medio século que naceu nese municipio pontevedrés unha celebración que non deixou de crecer cos anos e que propiciou que as palabras Lalín e cocido estean xa unidas de forma indisoluble no imaxinario colectivo dos galegos por máis que o prato estea presente no receitario das catro provincias.

 

Pola súa experiencia, importancia, singularidade e arraigamento, a festa foi declarada hai xa 10 anos celebración de interese turístico nacional. E en breve dará un paso máis ao ser elevada á categoría internacional,. O Cocido de Lalín unirase así aos 11 festexos galegos que gozan xa desa consideración, aínda que será a única cita gastronómica presente nesa exclusiva listaxe.

 

O 16 de febreiro, domingo anterior ao domingo de entroido, é a data crave da celebración lalinense. Será ese día cando miles de persoas se reúnan na localidade para dar boa conta desta calórica e saborosa homenaxe gastronómica ao porco na que tamén teñen cabida outras carnes e na que o ingrediente estrela está convenientemente acompañado por produtos da horta galega.

 

A receita varía lixeiramente ao longo e ancho de toda Galicia, aínda que o núcleo central non cambia. En Lalín téñeno claro e desde o propio Concello, promotor da celebración, apuntan a listaxe de ingredientes indispensables para preparar un cocido para 10 persoas: media cabeza de porco curada, medio  lacón curado, espiñazo, dous rabos salgados, touciño con vetas, costela salgada, orella salgada… E mesmo apuntan as claves para preparar algúns deses ingredientes antes de cociñalos e obter así un resultado óptimo: o lacón debe ser posto a desalgar catro días antes; o resto da carne de porco, dous días antes; e os garavanzos e as fabas han de estar a remollo 24 horas antes de comezar a cocción. 

 

Pero se o que lle apetece é simplemente gozar do prato sen necesidade de traballar entre fogóns, basta con acudir en Lalín e poñerse en mans dos experimentados cociñeiros locais. O domingo 16, decenas de miles de persoas regresarán á localidade atraídas polo cheiro do seu prato estrela e o ambiente festivo para degustar os pratos que se servirán nos restaurantes do municipio. Non faltarán ese día a música, os desfiles e o tradicional pregón, que este ano será lido por Sonsoles Ónega. A xornalista sumarase así ao ilustre elenco de persoas encabezado por Álvaro Cunqueiro que durante este máis de medio século se encargaron de encomiar as virtudes do cocido lalinense. 

 

E quen non poida esperar ata ese día para degustar o rico manxar tamén dispoñerá doutras moitas opcións de facelo, posto desde hai xa dúas décadas a festa arrinca con varias semanas de antelación. “De San Amaro a San Valentín. Mes  do Cocido en Lalín”. Con este lema como guía, un numeroso grupo de restaurantes inclúen durante todo ese período previo ao día grande da festa o cocido nos seus menús e permiten (en xornadas sinaladas e con reserva previa para o resto dos días) gozar do famoso cocido. Se aínda non o probou, non perda a ocasión de facelo. O seu padal agradecerallo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *