Explosión de sabor e lecer rural cun novo Outono Gastronómico

A chegada da estación na que as temperaturas se relaxan e os bosques móstrannos toda a súa riqueza e a súa paleta de cores marca en Galicia o arranque dunha exitosa iniciativa de promoción turística. Patrocinada por Turismo de Galicia e con 14 edicións xa ás súas costas, o Outono Gastronómico regresa fiel á súa cita coa difusión da oferta turística do mundo rural e o goce da mellor cociña. Chega disposto a conquistar de novo ao público cos valores e os atractivos que propiciaron que no 2016 esta iniciativa fose galardoada en Fitur co premio ao Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía. 

 

Pensado para ser gozado en solitario, en parella, con amigos ou en familia, e co aliciente engadido –e especialmente valorado nestes tempos de  covid- de convidarnos a descubrir espazos pouco concorridos, o Outono Gastronómico volve poñer ao noso alcance unha ampla oferta de propostas que van desde o Menú Outono Gastronómico ao Outono Plus pasando polo Paquete Outono Gastronómico, a Fin de Semana Outono Gastronómico e a Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico. 

 

A iniciativa desenvolverase do 11 de setembro ao 13 de decembro nun total de 70 establecementos das catro provincias galegas (19 na Coruña e outros tantos en Lugo, e 16 en Ourense e igual número en Pontevedra), o que permitirá aos participantes escoller entre alternativas diseminadas por todo o territorio da comunidade e deixarse envolver pola maxia das paisaxes costeiras, as zonas de bosques e montañas, os espazos fluviais ou as áreas vitivinícolas, entre outros lugares diversos. 

 

O Menú Outono Gastronómico permite optar entre dous menús diferentes, que en ámbolos dous casos inclúen un entrante, primeiro e segundo prato, sobremesa e viño dunha denominación de orixe galega. O seu prezo é de 30 euros por persoa. O Paquete Outono Gastronómico súmalle á proposta anterior unha estancia dunha noite no establecemento de turismo rural elixido e o almorzo da mañá seguinte. Neste caso o prezo total é de 80 euros para 1 persoa en cuarto individual e de 120 para dúas persoas en cuarto dobre. Se o que desexa é gozar de dúas noites e dous menús entón pode optar pola Fin de Semana Outono Gastronómico, cuxo prezo é de 140 euros (individual) ou de 200 (dúas persoas) e se vai facelo en familia entón pode decantarse pola Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, que inclúe menús adaptados para os menores de 14 anos e cuxos prezos son de 260 euros (dous adultos e un neno) ou 300 euros (dous adultos e dous nenos).

 

Ademais, unha vintena dos establecementos adheridos a esta iniciativa van un paso máis aló e ás ofertas anteriores suman a posibilidade de gozar tamén de actividades tan interesantes como rutas de sendeirismo, excursións a cabalo, descensos en rafting, observacións astronómicas e visitas a adegas, entre outras.

 

Se queres acceder a toda a información sobre esta nova edición do  Outono Gastronómico e coñecer os establecementos participantes e as súas ofertas de menús e actividades podes facelo visitando a ligazón https://www.turismo.gal/que-facer/outono-gastronomico?langId=gl_ES

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *