Cinco pratos típicos da provincia de Ourense

Se te achegas ata a provincia de Ourense non será de estrañar que te marabilles coas delicias que abundan no seu receitario. Xunto con algúns dos caldos máis coñecidos da nosa xeografía, os viños Denominación de Orixe Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra ou Monterrei, a comida ten mellor sabor se cabe. Aquí contámosvos algúns dos pratos típicos que nos propón a gastronomía ourensá.

Pementos da Arnoia

Xunto aos de Padrón, os Pementos da Arnoia tamén son os protagonistas de gran cantidade de receitas. Son de cor verde clara, grandes e se non che gustan as sorpresas podes comelos sen sobresaltos, porque esta variedade non conta con exemplares picantes.

Aínda que o máis habitual é consumilos fritidos cun toque de sal, hai quen os prepara recheos, inclúeos na tortilla ou mesmo se anima a probar o xeado de pementos.

Marrons Glacés

En canto á repostería, é difícil non ter en conta que Ourense é un importante produtor do coñecido Marrons Glacés. Unha preparación doce a base de castaña que triunfa entre os máis larpeiros.

E é que se trata dun produto que abunda na provincia e ao que se lle dedican as festas máis populares da cidade, os Magostos. Despois de probalas asadas ou cocidas, morder a cobertura exterior e saborear o interior é unha experiencia que seguro quererás repetir.

Pan de Cea

Máis que un prato típico en si, o Pan de Cea podería ser o acompañante perfecto para calquera comida do día. Tanto se o usas para as torradas do almorzo, para limpar o prato despois de comer ou para montar un bo bocadillo, o que está claro é que falamos dun pan de calidade excepcional.

É un produto elaborado por auténticos artesáns que manteñen as formas de cociñado e amasado de outrora. Falamos dun tipo de pan que se elabora con fariña de trigo, auga, sal e ao que se lle engade masa nai que provén dunha elaboración anterior. En canto ao amasado, realízase en diferentes etapas para, por último, cocelo en fornos circulares de granito, moi característicos da zona. Non nos estraña que conte co distintivo Indicación Xeográfica Protexida porque é unha delicia.

Amendoados de Allariz

Unha das sobremesas máis famosas da repostería ourensá son os amendoados de Allariz. Unha coñecida receita cuxa preparación está vinculada coas monxas clarisas do convento que coroa a vila.

O seu sabor e textura é o resultado da mestura de tan só tres ingredientes: améndoa moída, azucre e claras de ovo. Se te atopas na localidade, non podes regresar á casa sen esta marabilla. Sírveos xunto co café ou o té e triunfarás coas túas visitas.

Bica de Castro Caldelas e A Pobra de Trives

Un clásico da repostería ourensá son tamén as afamadas Bicas de Castro Caldelas e A Pobra de Trives. Unha delicia a base de manteiga de vaca cocida, azucre, ovos, masa de pan e fariña de trigo que fai que perdas o sentido.

O que a fai especial é, sobre todo, a calidade dos produtos e un proceso de preparación que supera os 60 minutos. Con tanto mimo, é normal que sexa unha sobremesa irresistible para os veciños destas localidades.

Que maneira de abrir o apetito! Anímate a coñecer Ourense a través da súa cociña e descobre a gran variedade de produtos e ingredientes que ofrece esta provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *