Vive a historia da Fortaleza de Monterreal, en Baiona

Aínda que leva máis de 2000 anos sendo un recinto amurallado, non é ata o século XII que se inicia a construción da actual Fortaleza de Monterreal, que tardaría case catro séculos en finalizar.

Entre as súas paredes, unha historia fascinante á que queremos achegarche hoxe.

O primeiro que nos chama a atención ao chegar alí é, sen dúbida, o tamaño desta fortificación. De feito, é unha das máis grandes que se conservan en toda España con nin máis nin menos que 18 hectáreas. Nela, ao longo do seu percorrido, levántanse tres torres de vixilancia: a Torre do Reloxo, a Torre da Tenaza e a Torre do Príncipe, a máis antiga de todas e que nos seus tempos funcionaba como faro e como prisión.

Este lugar foi escenario, ao longo dos séculos, de numerosos ataques. Un dos máis coñecidos foi o asalto do Conde de Camiña, Pedro Madruga, en 1474. Foi este quen, en defensa de Juana La Beltraneja fronte a Isabel La Católica, e co apoio do rei Alfonso V de Portugal, atacou a vila matando a moitos dos veciños de Baiona e destruíndo as súas casas. Tal era a fama de violento e humillador de Madruga que hai quen di que en 1485, durante o encarceramento na Torre da Tenaza dun dos seus inimigos, o Bispo de Tui, fixo que se construíse soamente unha porta pequena na cela e pediu que se lle dese de comer sen parar co fin de que engordase e xamais puidese saír por aquela diminuta porta.

Foi aquí tamén onde, o 1 de marzo de 1493, atracou unha das carabelas da expedición que Cristóbal Colón capitaneara cara ás Indias. Tratábase da Pinta, e con ela chegou a noticia do descubrimento de América. Foi así como Baiona se convertiu no primeiro pobo do “Vello Continente” que recibiu a noticia. Trátase dun feito de tal relevancia que, hoxe en día, celébrase cada ano unha representación teatral que lembra a todos os asistentes o acontecemento, a “Festa da Arribada”.

En 1963 construíuse o que hoxe é o Parador Nacional Conde de Gondomar, inaugurado en 1966 como complexo hostaleiro. Á vez que se levaba a cabo a súa construción, restauráronse tamén as antigas murallas, construíndo sobre elas almenas que as devolvían ao seu estilo medieval. En 1975, xunto ao parador, constrúese tamén unha capela dedicada á Virxe do Carme que hoxe en día adoita estar rodeada de turistas e curiosos. Pero o realmente fascinante é poder atopar aínda hoxe os restos das edificacións que no seu día enchían o castelo, e é que aínda que algúns edificios foron destruídos (como o Convento dos Franciscanos, o Palacio de Xustiza ou o Palacio do Conde de Gondomar ), aínda quedan retrincos dalgunhas das antigas vivendas, almacéns e pozos.

Así que xa sabes, tanto se só podes facer unha visita curta paseando ao longo dos tres quilómetros de percorrido que rodean a fortaleza coma se decides pasar alí unha noite enteira, este lugar permitirache formar parte, aínda que só sexa por un tempo determinado, da súa historia.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *