Viño e espiritualidade en San Clodio de Leiro

O Ribeiro é terra de viños e de mosteiros. E poucos lugares combinan tan ben estas dúas vocacións coma o mosteiro de San Clodio, no concello de Leiro. Mil anos contemplan a este edificio, moldeado polas cicatrices do tempo e marcado pola relación entre a relixión e a economía vinícola.

A situación do cenobio atópase marcada pola presenza, moi próxima, da fermosísima ponte medieval que cruza o río Avia. Lixeira, mesmo brillante á luz da tarde, a obra data do século XV e ten tres arcos apuntados, o máis alto dos cales chega a preto de 20 metros de altura. É unha ponte de historia moi axitada, coma tantas en Galicia: reformada no século XVIII, a principios do XIX sería testemuña de enfrontamentos entre as tropas napoleónicas e os paisanos durante a Guerra de Independencia, e tamén nesa época se lle engadiría unha cruz na parte máis alta.

O mosteiro está moi cerca, cara ao leste. Foi declarado Monumento Nacional en 1931 (a ponte tería que esperar medio século máis para lograr o título), e as súas orixes afúndense na néboa dos tempos. A zona central de Galicia, tan fértil, reúne abondosas mostras de arquitectura monacal, tanto nesta área coma na da Ribeira Sacra, e é posible que os monxes chegasen a Leiro arredor do século VI. De todos modos, parece que o cenobio actual se fundou a finais do século X.

A produción de viño deulle ao mosteiro de San Clodio épocas de enorme prosperidade. Nun inicio constituíuse como comunidade bieita, e entre os séculos XII e XIII a expansión do seu poder económico foi máxima. Son desa época a maior parte das trazas da fantástica igrexa, con tres naves e cabeceira tripla, e unha portada na que destaca os tres rosetóns (cegados ou transformados séculos despois da construción orixinal) e unha deliciosa portada de arco apuntado. Tamén é moi curiosa a torre do campanario, na que se acumulan elementos engadidos ao longo dos anos, dando lugar a una forma moi identificable. Dentro consérvase a Santa Reliquia, unha estela da cruz de Xesús venerada para espantar a pantasma das sarabiadas que estragan a colleita das vides, noutro exemplo máis de mestura entre a espiritualidade e a cultura vitivinícola da zona.

Despois de sufrir unha fonda crise na Baixa Idade Media, San Clodio volveu tomar pulo no Renacemento, de novo da man dos bieitos. Os dous claustros que compoñen o edificio principal e que substituíron o orixinal románico son dos séculos XVI e XVII, e reflicten os estilos de moda en cada unha das épocas: o renacentista, no primeiro dos casos, e un sobrio barroco no segundo.

 

Abandonado coma tantos cenobios a principios do XIX coa Desamortización, na actualidade o edificio foi recuperado para dar cabida a un hotel. Colocado a cabalo entre as localidades de O Carballiño e Ribadavia, moitos escólleno como punto de partida para coñecer unha comarca de gran potencial paisaxístico e, como non, enogastronómico.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *