Vilanova dos Infantes e a Virxe do Cristal

A Virxe do Cristal é unha minúscula peza de arte chea de misterio e moi ligada ás tradicións da comarca de Celanova. Mide apenas dous centímetros e está colocada dentro dunha peza de cristal macizo. Este vidro fai o efecto dunha lupa, o que permite que se poida apreciar o que hai no interior: unha talla na que por cada lado se ve unha efixie da Virxe, realizada con asombroso detalle.

Conta a tradición que foi atopada en Vilanova dos Infantes hai máis de catro séculos por un pastor e que, polo coidado co que está realizada e o feito de que se encontre dentro dun bloque sólido de cristal, é obra de poderes sobrenaturais. A súa historia tivo hai uns anos un xiro tráxico, cando foi roubada do Santuario nun asalto no que faleceu o párroco. De momento, a peza non apareceu. Na actualidade, e á espera de que volva a orixinal, o templo conserva unha réplica.

A sona da Virxe do Cristal, xa grande na zona de Celanova, medrou considerablemente no século XIX grazas ao xenio poético de Manuel Curros Enríquez. Poeta clave no Rexurdimento das letras galegas, Curros redactou en 1877 unha longa composición de máis de mil versos, que narra unha historia de amor na que a Virxe intercede entre dous namorados, Martiño e Rosa, para repoñer a honra desta última, calumniada por outro pretendente. É un poema de forte pegada romántica, do que é moi recordado o seu comezo: “Rapazas de Vilanova / ben vos podedes gabar / que non hai Virxe no mundo / coma a Virxe do Cristal”.

Máis alá do misterio de como se elaborou a efixie (un segredo técnico que non puido ser reproducido con tecnoloxías actuais), á imaxe atribúenselle varios milagres. A pequena efixie (agora a súa réplica) gárdase nun santuario barroco de espigada figura. Cada 15 de setembro os veciños da contorna xúntanse para celebrar unha romaría na honra da Virxe do Cristal, nun coidado espazo que é só un dos moitos atractivos de Vilanova dos Infantes.

A pequena localidade, pertencente ao Concello de Celanova, conserva a súa forma medieval orixinal, con estreitas rúas empedradas, unha deliciosa praza con fonte e, no alto, a maxestosa torre, con orixes no século X. Derrubada na Revolta Irmandiña do século XV, foi reedificada e na actualidade consérvase a torre de homenaxe, solidamente encaixada na rocha nai granítica e de 19 metros de altura. Foi un dos elementos defensivos clave nas disputas medievais entre as monarquías española e portuguesa.

Se se desexa viaxar un pouco máis alá no pasado da localidade paga a pena desprazarse uns poucos quilómetros ao oeste para visitar o xacemento castrexo de Castromao, desde o que se pode obter unha fabulosa vista do val do Arnoia e os cordais circundantes. O antigo castro está parcialmente reconstruído, o que permite albiscar como era a vida nestas pequenas localidades durante a Idade de Bronce. E, por suposto, sempre é necesario achegarse á capital municipal para coñecer o seu interesante centro histórico, presidido polo monumental mosteiro barroco de San Salvador.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *