Vacacións coa túa mascota en Galicia

Queres vir a Galicia de vacacións co teu can pero tes dúbidas sobre se poderás levalo á praia?

Aquí resolvemos tódolos teus temores.

Aínda que o habitual é que a maioría dos areais non admitan animais de maio a setembro, cada vez son máis os concellos que se suman a esta iniciativa de permitir a súa entrada nalgunha das súas praias. Actualmente nas costas galegas hai 10 areais que permiten o acceso de cans.

 

Se o teu destino vacacional está na provincia de Pontevedra, hai 5 concellos nos que os teus amigos caninos poden bañarse contigo no mar.

No Grove están a praia do Espiño e a do Portiño. Situadas unha á beira da outra, atópanse xunto ao Porto Deportivo de Pedras Negras, en San Vicente do Mar. Trátase de praias tranquilas e con poucas ondas nas que poderás pasar un día ideal xunto á túa mascota. 

Tamén nas Rías Baixas atoparás o areal de O Castelete, en Vilagarcía de Arousa. Despois de moitos anos sendo usadas por bañistas con mascotas, o Concello decidiu oficializar o acceso de animais, e ao atoparse próxima á estrada instalou un valado de madeira para evitar que os cans puidesen escapar cara ao asfalto. Conta ademais con papeleiras para depositar os excrementos.

En Cangas tamén poderás gozar dunha xornada de diversión xunto á túa mascota. Na praia da Cunchiña, fronte á antiga conserveira Massó, está permitido acceder con cans. 

A praia canina de Cesantes é un lugar fantástico para gozar destas vacacións. Situada no Concello de Redondela, conta cun espazo duns 150 metros.

Vigo conta con dúas praias caninas. A Foz, xunto á desembocadura do río Lagares, e Calzoa, próxima á primeira. Con bastante superficie, os cans poderán correr ás súas anchas e darse un bo mergullo.

 

Na provincia de Lugo contamos cun concello petfriendly. Barreiros permite o acceso aos nosos amigos caninos á praia de Punta Corveira. Este areal, contiguo á praia de Lóngara é de carácter rochoso.

 

Na Pobra do Caramiñal, provincia da Coruña, atopámonos coa praia do Areal, que separa o paseo marítimo do acceso ao mar. Este areal, de 1 km de lonxitude, é coñecido polos veciños como a praia das mariscadoras. É ideal para ir co teu can, darse un baño e despois pasear tranquilamente polos arredores, xa que se trata dunha praia urbana.

E tamén na provincia da Coruña podemos achegarnos ata a praia de Ares, que desde hai uns anos adica unha parte da súa praia urbana aos cans. De augas claras e area fina, ten 1 km de lonxitude para poder gozar coa túa mascota.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *