Unha ruta por lugares ligados a Valle-Inclán

“Claros del sol entre repentinas lluvias. Tiempo de ferias en Viana del Prior. Rinconadas de la Colegiata. Caballetes y tabanques bajo los soportales. Verdes y rojas estameñas, jalmas y guarniciones. Un campo costanero sube por el flanco de la Colegiala. Sombras de robles con ganados”.

Así describe Ramón María del Valle-Inclán a paisaxe urbana de Viana del Prior, a vila mítica na que transcorre Divinas palabras, unha das súas obras máis celebradas. A localidade ten moito que ver coa Pobra do Caramiñal, aínda que a pegada do escritor, un dos artistas de vangarda máis importantes da España do século XX, é fonda noutras moitas localizacións de Galicia.

Vilanova de Arousa

Ramón José Simón Valle Peña naceu en 1866 en Vilanova de Arousa, no seo dunha familia acomodada, de orixe fidalga e aínda con rendas de antigo. Segundo algunhas teorías, o futuro dramaturgo veu a luz na chamada Casa do Cantillo; outras indican que o nacemento tivo lugar na moi próxima Casa do Cuadrante, hoxe museo dedicado ao autor. Valle non resultaba de demasiada axuda á hora de verificar os seus datos biográficos, amante como era de atribuírse unha aura misteriosa: chegou a dicir que nacera nun barco no medio da ría, entre Vilanova e A Pobra. Vilanova recorda a súa figura cun gran conxunto escultórico situado ao lado do mar, no que o escritor comparte espazo con varias das súas creacións máis celebradas. Nesta vila naceu tamén o ilustre xornalista Julio Camba.

Vilagarcía de Arousa

En plena raia divisoria entre os concellos de Vilanova e Vilagarcía (ao que pertence) atópase o Pazo de Rúa Nova, ligado á familia do autor. Valle fala del en obras como Sonata de otoño, e é un exemplo fantástico da arquitectura fidalga galega.

Cambados

Valle-Inclán viviu durante uns poucos anos na Rúa Real desta vila de enorme pouso literario. Paseando polas súas rúas poden seguirse os pasos de Ramón Cabanillas, o gran poeta da raza, ou de Alfredo Brañas, pai do rexionalismo galego. Cambados resultou ser unha experiencia dura para Valle: o seu segundo fillo naceu alí en 1914, só para morrer uns poucos meses despois. O pequeno e a muller de Valle repousan no cemiterio da romántica igrexa de Santa Mariña de Dozo, moi cerca do centro urbano.

A Pobra do Caramiñal

A Pobra é, xunto con Vilanova, a localidade valleinclaniana por excelencia. O escritor pasou aquí parte da súa vida, e aínda hoxe se poden ver varios lugares ben recoñecibles, comezando pola Torre de Bermúdez, museo dedicado ao autor, que se abre a unha praza presidida pola súa efixie con gafas e longa barba. Tamén están na Pobra a Farmacia de Tato, que acolleu acalorados faladoiros nos que Valle, polemista impenitente, participou con paixón; ou a casa chamada Villa Eugenia, na que se escribiu a fundamental “novela de dictador” Tirano Banderas. Saíndo da Pobra cara a Boiro, xunto á estrada antiga, está o Pazo da Mercé, no que Valle-Inclán tentou vivir durante uns anos unha vida de fidalgo que non resultou. O edificio está hoxe en ruínas.

Pontevedra

Valle estudou o bacharelato na cidade e foi esta a cidade á que regresou a vivir en numerosas ocasións. Unha estatua recórdao na praza de Méndez Núñez.

Santiago de Compostela
O dramaturgo estudara Dereito na Universidade a finais do XIX sen demasiado entusiasmo, e é a capital de Galicia o lugar de último repouso de Valle. Enfermo e na ruína, volveu á cidade en 1935 para falecer ao ano seguinte. Está enterrado no cemiterio de Boisaca, e a súa figura recórdase con dúas estatuas próximas á zona vella: unha, sentado nun dos bancos do paseo da Ferradura, con vistas á Catedral; a outra, nun busto na Praza de Galicia, fronte ao Café Derby que frecuentou nos derradeiros meses de vida.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *