Unha mostra da boa forma do ‘tapeo’ galego

turgalicia_tapas

Galicia é país de tapas. Boa proba son os sete concursos dos que proceden os finalistas do Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, que se decidirá o próximo día 31 en Santiago. 350 profesionais participaron nos certames locais de Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense con gran éxito entre clientes e especialistas.

Un exemplo? En  Sabores de Outono os ourensáns puideron degustar 50 pinchos diferentes, repartidos por locais de toda a cidade. Preto de setenta chefs ofreceron máis dun cento de propostas diferentes no Santiago(é)Tapas compostelán, e 35 sumáronse ao Concurso de Tapas Vigo Vello.

Tampouco decepcionou a participación no Concurso de Tapas Picadillo da Coruña, con 64 locais adscritos e divididos en catro rutas; nin o Concurso de Tapas de Lugo, con medio cento de cociñeiros inscritos. Os ferroláns puideron gozar de 28 bocados orixinais noutros tantos bares no certame Tapéate, mentres que os pontevedreses o fixeron nos 45 locais do Pontedetapas.

Cunha participación tan extensa nos concursos das sete grandes cidades, e con propostas baseadas tanto na orixinalidade coma no excelente produto galego, pódese dicir que o tapeo goza dun gran momento en Galicia. O día 31, en Santiago, saberase quen está en mellor forma, aínda que a escolla será deliciosamente complicada.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *