Un paseo polo Parque Natural do Carreirón

Único. O Parque Natural do Carreirón ten pouco co que compararse dentro do catálogo de zonas protexidas de Galicia. Se ben a súa paisaxe é semellante a algunhas zonas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, destaca por ser unha zona baixa, sen elevación case ningunha, e unida ao continente a través da ponte da Illa de Arousa, na que se sitúa. Unha xornada de camiñada e praia é tentadora nesta península de costa enrevesada.

Porque esa é unha das características máis deliciosas do Carreirón. O acceso á zona protexida faise por un único punto: a rotonda de entrada na Illa de Arousa desde a ponte que a comunica co concello de Vilanova. A única estrada leva a dous campings e remata nunha pequena rotonda e un aparcamento de pago. Despois, o percorrido ten que facerse por forza a pé.

E paga a pena. Seguindo a ruta marcada con sinais de madeira verticais, o camiñante atoparase primeiro coa praia máis grande do parque, a de Xastelas. Nela xúntanse todos os servizos necesarios para pasar un día de praia tranquilo e en familia: chiringos, aseos e un paseo marítimo farán as delicias de quen desexe gozar do bo tempo e dos baños de sol. A auga está especialmente calma nesta zona de Galicia, posto que o areal atópase moi no interior da ría arousá, enfocado cara a Cambados. Con marea baixa, o pouco calado da ría nesta zona fai que os bañistas poidan camiñan mar cara a dentro sen que a auga os cubra durante moitas ducias de metros.

O espectáculo natural comeza ao dobrar a punta de Xastelas. Desde este punto e rodeando toda a península que conforma o Carreirón atópanse innumerables calas, praias pequenas e acumulacións de rochas que entran e saen do mar, dando aos visitantes múltiples opcións de baño. A praia dos Espiños, a do Dente de Can, a Lontreira, a dos Petóns… o mellor é ir percorrendo pouco a pouco o carreiro e parar na que máis apeteza. Ou en varias, porque o traxecto é curto e faise facilmente nunha hora de andaina.

Convén estar moi atento á fauna, tanto ao pé do mar (onde, a última hora da tarde, é habitual contemplar o espectáculo dos peixes saltando fóra da auga e as aves, en consecuencia, preparándose para a caza) coma nas dunas do interior (onde é doado ver lagartos de bo tamaño, coellos e paxaros de diversos tipos). Tamén é moi simpático, sobre todo se se viaxa con pequenos, ir observando as formas peculiares das rochas da contorna. Algunhas teñen nomes moi fáciles de entender en canto se contemplan, como o Con do Cocodrilo, o Con do Fociño do Porco ou o dos Tres Pés.

Na parte interior atópase a singular lagoa de Carreirón, de moi pouca profundidade e algo máis dun quilómetro cadrado de extensión. Nela aniñan e descansan aves de paso que se poden observar desde atalaias construídas a tal efecto. É un punto clave da Zona Internacional de Especial Protección para as Aves e do complexo intemareal arousán.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *