Un museo de escultura medieval en Ventosa

Santa María de Ventosa é un edificio capaz de facernos dubidar do concepto habitual de igrexa. Se ben o seu exterior é fermoso mais convencional, o que posúe de portas cara dentro resulta verdadeiramente extraordinario: colocado a ambos lados da nave principal hai un friso pétreo que é toda unha colección de escultura relixiosa medieval, unha ringleira de obras de arte que nos pode levar horas gozar e descifrar.

Ventosa atópase no concello de Agolada, no interior de Pontevedra. É doado deixarse levar e pensar nesta provincia como territorio exclusivamente marítimo, debido ás moito máis coñecidas Rías Baixas. Pero tamén é pontevedresa a zona montañosa que linda, como é o caso, con Lugo, unha área de gran beleza e diversidade paisaxística. As terras do Deza, nas que se atopa este monumento, as de Montes ou o Tabeirós son un paraíso de camiños ondulados en torno a montañas redondeadas e prados verdes.

No alto dun destes outeiros está a igrexa da Ventosa, a menos de cinco quilómetros da capital municipal. O edificio foise adaptando aos tempos e ás circunstancias durante 800 anos, e esta é a razón da acumulación de esculturas medievais contra as paredes interiores: formaban parte da antiga edificación románica e de obras posteriores. A maior parte do edificio, orixinal do século XII, foi modificado no XIX, mais as pezas escultóricas non se desbotaron, e foron colocándose sobre os muros interiores da única nave, creando un efecto moi curioso.

O elemento central do particular museo é a tumba do abade Lope de Ventosa, do século XIV, enmarcada nun arco de clara inspiración románica que ben podería ser a entrada a calquera templo galego da época. A figura deitada do relixioso está rodeada de anxos e no interior do arco pintouse con delicadeza a escena da morte de Xesucristo, o que dá a medida da importancia que Lope de Ventosa debeu ter no seu tempo.

Arredor e na parede de enfronte, mesmo tapando uns fermosos frescos renacentistas, os veciños de Ventosa foron colocando esculturas procedentes dun baldaquino desmontado por falta de espazo coas obras do XIX e que amosan escenas bíblicas. Hai un Nacemento e Adoración dos Magos espectacular; Adán e Eva, tentados pola serpe; a morte de Abraham… son varios séculos de arte condensados en dúas paredes enfrontadas, e uns paneis explicativos axudan a comprender quen é quen en tamaño catálogo iconográfico. En todas as figuras pode aínda observarse a policromía, o que fai pensar en como lucería o conxunto nos seus tempos de esplendor.

Pese a que o interior é impresionante, non hai que perder a oportunidade de dar unha volta arredor do pequeno edificio, que conta con todas as características do igrexario rural galego: a casa reitoral, o camposanto, o cruceiro, o hórreo…

A visita pode completarse achegándose de novo cara a mesma vila de Agolada para pasear pola curiosa zona dos Pendellos, construcións en pedra e madeira que acollen desde o século XVIII o mercado local. Ben conservados e habitualmente solitarios, pisar as súas rúas, intactas desde hai 300 anos, transporta ao viaxeiro no tempo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *