Tradición e ritos enchen de maxia a noite de San Xoán

No calendario festivo galego hai un puñado de celebracións que gozan de gran tradición en moitos puntos da comunidade e que propician que chegadas esas datas, o ambiente festivo se deixe sentir por igual en aldeas, pobos e cidades das catro provincias. Ocorre, por exemplo, o 25 de xullo cos actos na honra do Apóstolo Santiago, e os días 15 e 16 de agosto, xornadas nas que  Santa María e San Roque comparten reinado festivo. Pero se hai unha celebración popular que chega ata o último recuncho da comunidade é a do San Xoán, un festexo que se celebra no tránsito do 23 ao 24 de xuño e que fai que toda Galicia brille á luz das fogueiras.

 

Erroneamente coñecida por moitos como a noite máis curta do ano (título que corresponde en realidade ao solsticio de verán, que se celebra un par de días antes) do que si pode presumir a noite de San Xoán é de ser a máis máxica debido a que tras a connotación cristiá da súa denominación escóndese un festexo ancestral que aínda conserva algúns dos seus ritos orixinais. O principal é o das propias fogueiras, o motivo principal dunha celebración que arrinca a última hora da tarde do día 23 e que alcanza o momento central a partir da medianoite, cando o lume fai acto de presenza.

 

A tradición cristiá asocia estas fogueiras ao lume que Zacarías, pai de San Xoán Bautista, tería acendido para celebrar o nacemento do seu fillo. Pero segundo moitos historiadores esta interpretación non sería máis que o resultado de tratar de cristianizar ritos pagáns anteriores relacionados co solsticio de verán. Esta última data marca o momento a partir do cal os días comezan a ser máis curtos e as noites máis longas, así que o obxectivo daqueles que acenderon as primeiras fogueiras chegada esa época do mes de xuño era tratar de proporcionar novas forzas ao sol para frear ese proceso.

 

En calquera caso, o costume de celebrar a velada arredor do lume chegou ata os nosos días convertida nun símbolo de purificación que serve ao mesmo tempo para librarse dos malos espíritos e para encomendarse á protección do lume para o que resta de ano. Para conseguir ambos os obxectivos basta con saltar sobre a fogueira, práctica que en moitos lugares de Galicia hai que realizar un total de nove veces, aínda que noutros puntos este número varía (pero sempre é impar).

 

O San Xoán é unha celebración colectiva que invade espazos públicos de todo tipo xuntando a veciños, familias e amigos. Prazas, praias, parques, rúas, solares e outras localizacións diversas serven de punto de encontro para persoas de todas as idades, desde nenos pequenos que se inician no rito do lume saltando unhas poucas brasas retiradas das grandes fogueiras, ata veciños xa veteranos que queren comprobar se a esencia da festa permanece intacta. Citas multitudinarias que reúnen a centenares ou milleiros de persoas conviven nunha mesma noite con pequenas reunións familiares e veciñais unidas todas elas por un espírito común. Desde A Coruña, onde a súa espectacular celebración foi declarada de interese turístico internacional no ano 2015, ata a aldea máis pequena comparten unha velada de tradición e diversión aberta sempre a todo aquel que queira sumarse.

 

Tanto as fogueiras como a propia celebración do San Xoán gozan de diferentes denominacións ao longo e ancho de Galicia: cachelas, cacharelas, cacheiras, lumeiras, laradas, lumaradas, luminarias, fogueiras… O que non varía é o rito de saltar sobre as chamas nin o prato estrela que pon sabor á velada. “Por San Xoán a sardiña molla o pan”, di o refrán e así se cumpre na práctica totalidade das celebracións galegas. Antes de que o fume das fogueiras se deixe sentir no ambiente, é o aroma das sardiñas asadas acompañas con pan (de millo preferentemente) o que se fai presente como outro símbolo máis da velada. O viño que acompaña a ese saboroso peixe e a queimada, co seu rito e o seu significado  purificador, son outros dous ingredientes que non poden faltar en moitas das celebracións do San Xoán.

 

Pero o lume non é o único elemento de purificación asociado a esta noite máxica. Nalgúns lugares de Galicia recórrese tamén á auga para conseguir ese efecto substituíndo ou complementando o salto sobre as lapas coa inmersión nas frías augas do mar. E nalgún caso, como en ocorre na praia da Lanzada, ese baño relaciónase directamente con outro rito, neste caso de fecundidade, que se celebra a última fin de semana de agosto e segundo o cal as mulleres que desexen superar a infertilidade e converterse en nais deben deixarse golpear nove veces polas ondas que bañan a praia situada aos pés da ermida homónima. Hai quen sostén que este rito tamén se pode realizar durante a noite do San Xoán, pero os puristas defenden que se trata dunha confusión.

 

A auga tamén é un ingrediente importante noutro dos ritos centrais do San Xoán galego que afunde as súas raíces nas celebracións pagás  precristiás do solsticio de verán. Falamos neste caso das herbas de San Xoán, unha tradición que consiste en recolectar e preparar o día 23 un ramallete con varias especies vexetais diferentes e mergullalo nun recipiente con auga. Ao día seguinte utilízase ese líquido para lavarse e librarse así do mal de ollo e as envexas, mentres que o ramallete ponse a secar e gárdase para ser queimado un ano despois. A tradición está tan estendida como variada é a listaxe de herbas que se deben empregar, posto que as peculiaridades de cada zona priman sobre outras consideracións á hora de preparar o ramallete, pero unha das “receitas” máis estendidas di que as sete variedades a usar son o fiúncho, o fento macho, a herba de San Xoán, a malva, o romeu, a herba luísa e a xesta. En moitos lugares as herbas son tamén empregadas como amuleto de protección do fogar e deposítanse nas entradas das vivendas dando así tamén un pouco máis de cor a unhas rúas nas que por unha noite a luz dos farois será substituída polo resplandor das fogueiras.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *