Torre de Doncos: A lenda da muller decapitada.

Entre as árbores e a vexetación dos Ancares asoma unha espectacular torre medieval coñecida como Torre de Doncos. Un monumento que, ademais de compartir nome co municipio lugués no que se atopa, alberga unha das lendas máis populares da zona. Oíras falar dela?

Trátase dunha antiga construción de orixe medieval que se atopa rodeada polo río Navia. Hoxe en día, aínda conserva unha maxestosa torre defensiva que se impón nun dos puntos máis altos do terreo. Falamos dunha edificación de planta cadrada que consta de tres plantas e un soto, cunhas dimensións que non superan os 8 metros de lado e uns 24 metros de alto. Desde logo, suficiente altura para cumprir coa vixilancia dos arredores.

Detalles arquitectónicos a parte, falamos dun Ben de Interese Cultural que conta cunha fascinante lenda que enche de misterio a súa historia. Pois din que, en plena invasión musulmá, unha parella de peregrinos que se dirixía cara a Santiago de Compostela foi atacada nas inmediacións da fortaleza. Por aquel entón, a misión da Torre de Doncos era protexer a todos os camiñantes que emprendían a viaxe santa.

Tras o ataque, un dos asaltantes raptou á rapaza e, ao verse perseguido polos cabaleiros que vixiaban o Camiño desde a torre, decidiu cortar a cabeza da muller para que ninguén puidese gozar da súa beleza nunca máis. A partir deste momento, o lombo do cabalo branco tinguiuse de vermello e deu nome para sempre á fortaleza, tamén coñecida como Torre da Grupa.

Non é de estrañar que despois de coñecer a súa historia teñas curiosidade por vela de preto. Para facelo, expomos dúas opcións perfectamente compatibles. En primeiro lugar, a contorna ofrece a posibilidade de percorrer a Ruta da Torre de Doncos, un percorrido totalmente acondicionado e sinalizado, que podes comezar tanto en Doncos ou no pobo das Nogais. Un paseo agradable co son da auga de fondo e á sombra de castiñeiros, que che permitirá conectar -máis se cabe- con esta historia.

En segundo lugar, tanto se decides facer a ruta coma se non, o miradoiro con vistas á torre é un plan infalible para un día libre. Desde hai uns meses, veciños e visitantes xa poden gozar dunha panorámica completa do torreón.

Era sabido que a Serra dos Ancares é un dos lugares de Galicia que máis sorprende pola súa beleza natural pero, desde logo, non podemos deixar de lembrar gran parte do patrimonio histórico que se pode atopar na zona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *