Telleiras do Salnés

Entre o século XIX e a primeira metade do XX, unha actividade protoindustrial cobrou gran importancia na comarca do Salnés: a fabricación de tellas e ladrillos a partir da excelente arxila local. Das rudimentarias factorías de entón, chamadas ‘telleiras’, quedan hoxe restos moi interesantes para coñecer o pasado dunha bisbarra marcada nos últimos tempos polo auxe do turismo.

Un dos puntos máis relevantes para comprender este pasado é o Centro de Interpretación das Telleiras, situado en Vilalonga. Esta parroquia é singular dentro do concello de Sanxenxo pois, estando o resto do termo municipal sobre a ría de Pontevedra, Vilalonga abre a súa costa tamén á de Arousa. O Centro de Interpretación atópase nesta cara, nunha enseada pouco fonda que ten xusto enfronte a Illa da Toxa.

Restaurada recentemente, trátase dunha nave antiga na que se fabricaban ladrillos e tellas. Preserva varios fornos de granito orixinais, a través dos que se pode comprender o proceso que se levaba a cabo nestas instalacións preindustriais. A manufactura era complicada e requiría de moita precisión por parte do telleiro. O primeiro que se facía era unha masa mesturando auga e arxila local, moi apreciada polos construtores. O barro amasábase e alisábase unha e outra vez para lle dar unha consistencia sólida e uniforme, e despois colocábase nun molde chamado “formal” para darlle a curvatura precisa. Á tella aínda lle quedaba tempo para ser introducida no forno, pois primeiro debía pasar varios días ao sol, nun descampado, esperando ao momento no que puidese sosterse soa. Despois, si, introducíase no forno durante nada menos que unha semana enteira. Daquela o traballo dábase por concluído.

Do proceso pódense deducir varias cousas. O primeiro, que a temporada de maior produción das telleiras coincidía co verán, pois era preciso calor para o primeiro secado das pezas. O segundo, que as xornadas de traballo eran longas e penosas. Dedicábanse a este oficio tanto homes como mulleres, moitas veces temporeiros. O feito de que as telleiras se atopen pegadas ao mar fálanos tamén da forma principal de distribución, en barcos que percorrían a costa desde a factoría ao cliente. Outra zona do sur de Galicia, O Rosal, foi tamén punto de referencia na elaboración destes elementos básicos para a construción.

En realidade, en todo este treito de costa eran moi abundantes instalacións deste tipo. Na parroquia de Castrelo do concello de Cambados, tamén mirando cara A Toxa, restauráronse varios fornos para cocer as arxilas. Están unidos por unha senda que se pode percorrer a pé ou en bicicleta, complementando o máis habitual plan de sol e praia que tan ben se acompasa co clima da bisbarra.

A maior parte destas fábricas pecharon hai xa por volta de corenta ou cincuenta anos, e as súas estruturas aprovéitanse hoxe para fins turísticos e de recuperación do patrimonio etnográfico. Entre Cambados e o Grove o oficio non se perdeu completamente, así e todo, pois neste mesmo tramo de costa concéntranse varias factorías modernas dedicadas á fabricación e venda de materiais de construción deste tipo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *