Surf en Galicia: as mellores praias

Algunha vez tiveches a tentación de bailar cunha táboa sobre as ondas? Sentiches algunha vez curiosidade polo mundo do surf e toda a emoción que supón vivilo de preto?

Se é así, probablemente xa coñezas algunhas das praias galegas das que hoxe falaremos. Pero se aínda non te decidiches, hoxe propoñerémosche varias praias que, ademais de namorarte, farán que desexes empezar a práctica deste deporte cheo de adrenalina canto antes.

Sexa como sexa, Galicia é un lugar excepcional para a práctica de surf. Sabías que é aquí onde en 2014 se rexistrou a onda máis grande de toda España desde que se teñen datos? Nin máis nin menos que 27,81 metros de altura.

Pero vaiamos coas praias…

A primeira que se nos vén á cabeza ao pensar en surf en Galicia é, seguramente, a Praia de Pantín, debido a que é aquí onde cada ano se celebra o campionato internacional de surf Pantín Classic, do que xa falamos nalgunha ocasión. Esta praia está a uns 20 minutos de Ferrol (A Coruña) e, ademais de manterse case virxe, ten ondas durante todo o ano.

Moi preto de aquí, en Ferrol, atópase a Praia de Doniños. Esta praia destaca pola calidade da súa ondada, así como polos seus fortes ventos, que fan que se formen ondas de gran tamaño. É na primavera e no verán cando mellor se pode gozar do surf alí.

Un pouco máis ao sur no mapa, en Carballo, está a Praia de Razo, unha das máis concorridas e a segunda máis grande da comunidade galega, con algo máis de cinco quilómetros de lonxitude. Esta praia é coñecida pola calidade que teñen as súas ondas, que permiten a práctica de surf a case calquera. De feito, é unha das mellores praias para iniciarse neste deporte. Ademais, e a diferenza das outras praias da zona, nesta pódese surfear tanto se hai marea alta coma se está baixa.

Seguimos a nosa ruta pola provincia da Coruña e detémonos agora na Praia do Rostro, en plena Costa da Morte, unha praia lixeiramente agochada que adoita considerarse perigosa para o baño pero excepcional para o surf. E aí vai unha curiosidade: din que baixo a area desta praia se atopa unha antiga cidade fundada pola tribo celta dos Nerios, a cidade de Dugium.

Na zona de Muros atopamos tres praias máis que completan a nosa ruta coruñesa e que farán as delicias dos que aman este deporte: Area Maior, Ancoradoiro e Lariño. Mentres que a primeira é perfecta para os que se están iniciando no surf, as outras dúas adóitanas frecuentar surfeiros de nivel máis alto. Hainas para todos.

Xa na provincia de Pontevedra é imposible non mencionar a Praia da Lanzada. Aquí, do mesmo xeito que en Pantín, adóitanse facer campionatos de surf, pero a nivel máis local. É, tamén, unha praia perfecta para principiantes no mundo do surf, e unha das peculiaridades que fai a esta praia máis bonita se cabe é que, durante a tempada de inverno, adoita haber golfiños nadando moi preto da costa, polo que non é raro velos xunto aos surfeiros gozando das ondas. É un espectáculo fascinante.

Por último, e antes de rematar co noso percorrido surfeiro polo sur, detémonos na Praia de Patos, en Nigrán, practicamente á beira de Vigo. A esta praia acoden surfeiros de todos os recunchos a finais de verán e de inverno, debido a que é nestas épocas cando os ventos favorecen a práctica deste deporte. Ademais, esta praia é especial, debido a que desde ela pódense obter unhas vistas extraordinarias das Illas Cíes.

Seguro que non queres intentalo?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *