Seis propostas para gozar coa neve en Galicia

Coa chegada do frío, moitos viaxeiros volven a vista cara ao interior e, especialmente, ás montañas. A neve, que sempre que chega é un espectáculo excepcional, atrae aos que buscan tanto a posibilidade de practicar deportes de inverno como de levaren a cabo excursións por lugares diferentes e teren experiencias propias da estación. Propoñémosche cinco maneiras de gozar da neve e do frío en Galicia.

Esquiar en Cabeza de Manzaneda

A única estación invernal de Galicia é a de Cabeza Grande de Manzaneda, situada entre o concello ourensán do mesmo nome e A Pobra de Trives. A mesma montaña é impoñente, con 1.800 metros de altura e unha paisaxe arredor que quita o alento. En canto á estación, é una das favoritas tanto dos habitantes do noroeste peninsular coma de moitos veciños portugueses, que teñen aquí a posibilidade de esquiar sen desprazarse a outras instalacións afastadas. Cabeza de Manzaneda conta con máis de vinte pistas, varias delas acondicionadas para un esquí tranquilo e axeitadas para iniciarse nesta especialidade, mesmo a idades moi temperás. Na mesma estación poden alugarse os materiais necesarios e contratar clases adecuadas para cada idade. E, se o teu non é esquiar, non te preocupes: a montaña está chea de carreiros para andar e mesmo para percorrer en bicicleta todo terreo, aínda que sempre é conveniente informarse do seu estado debido ás nevaradas. Cabeza de Manzaneda está a 90 quilómetros de Ourense e a menos de vinte da Pobra de Trives.

Os Ancares e O Courel

Unha das cadeas montañosas de Galicia máis fermosas en calquera época do ano, mais en inverno os seus cumios alcanzan unha beleza difícil de imaxinar. Por fortuna, mesmo estando nevados é posible visitalos a pé en moitas ocasións, por exemplo desde Piornedo. O mesmo que ocorre cos Ancares pasa coa súa irmá do norte, a serra do Courel, coa vantaxe de que os picos son algo máis baixos.

Pena Trevinca

O macizo de Pena Trevinca é o único en Galicia que supera os 2.000 metros. O seu cumio atópase en concreto a 2.127 metros e sitúase nun espazo protexido pola Rede Natura 2000 dunhas 25.000 hectáreas de monte que comparten as provincias de Ourense (nos concellos da Veiga e Carballeda de Valdeorras), León e Zamora. Os seus cumios, nevados ata ben entrada a primavera, son visibles desde toda a contorna, e chaman aos amantes do montañismo a coñecelos.

O Cebreiro

Seguro que máis dun peregrino que fixo o Camiño de Santiago en inverno concordará en que a postal máis fermosa da Ruta é a do Cebreiro nevado. O pequeno núcleo lucense, un dos lugares xacobeos máis emblemáticos, adoita estar cuberto pola neve nos meses de inverno, e o que se converte en incomodidade para quen accede a Galicia por estrada é un auténtico regalo para quen o fai a pé, en viaxe cara á cidade do Apóstolo.

Unha tarde nas termas

Outra sensación inigualable é a de asolagarse en auga ben quentiña nos días de ambiente frío. Isto pode conseguirse nos  balnearios e spas que hai en toda Galicia. Como suxestión, propoñemos as termasao aire libre da Chavasqueira e Prexigueiro. As primeiras atópanse en plena capital provincial, e permiten darse un baño a 67 graos centígrados mentres no exterior hai mesmo temperaturas baixo cero. As segundas, moi preto da fermosa vila de Ribadavia, ofrecen varias piscinas a diferentes temperaturas.

Turismo Rural

Outra idea, é pasar unha fin de semana nunha casa de turismo rural das que poboan o interior de Galicia. Hai moitas e moi boas, e nelas pode gozarse tanto da historia que atesouran estes edificios como da natureza que os rodea. En inverno ofrecen menús que te quentarán por dentro con receitas tradicionais saborosas e contundentes, que che farán esquecer o frío. Ou, aínda mellor, que che axudarán a gozar do inverno.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *