Santa María de Mezonzo e o románico rural galego

É imposible resistirse a fotografar a cabeceira desta igrexa. Ademais do equilibrio conseguido polos construtores, das finas xanelas baixo arcos de medio punto e do rosetón que dá luz á nave principal, Santa María de Mezonzo está rodeada por unha das paisaxes rurais máis fermosas de Galicia. O edificio fíxose sobre unha lomba que ascende desde o río Tambre no actual concello de Vilasantar, no interior gandeiro dunha provincia quizá máis coñecida polas localidades costeiras.

De románico certamente tardío, pois data de inicios do século XIII, Santa María de Mezonzo ten unha orixe moi anterior. É o que queda dun antigo mosteiro, fundado probablemente en tempo dos suevos (séculos V e VI) e que contou con gran relevancia xa no X. Cabeceira e fachada son curiosamente moi diferentes: se na parte traseira o románico atopa unha das súas realizacións máis equilibradas e lixeiras, a frontal o templo móstrase coma un rexo murallón de cantaría, apenas interrompido pola porta e unha mínima abertura para que pase a luz. Os contrafortes que soportan a parede oeste danlle aínda máis aparencia de solidez. No momento no que se construíu o interior o gótico era xa unha realidade, cousa que se confirma á vista dos arcos apuntados que sosteñen o teito desta pequena pero preciosa construción.

A igrexa é o que queda hoxe do mosteiro, do que se sabe que contaba cunha importante biblioteca e que foi o lugar no que pasou os seus primeiros días como relixioso un dos personaxes máis coñecidos da historia de Compostela, San Pedro de Mezonzo. Nacera moi preto, en Curtis, en 930. Despois de ser ordenado sacerdote en Santa María, foi abade de Sobrado dos Monxes, convento ao que pertencía o cenobio de Mezonzo, e máis tarde, bispo de Iria Flavia e Compostela.

Non foi nada fácil o tempo que lle tocou vivir. Galicia estaba sumida nun dobre terror, o do cambio de milenio, que facía á xente percibir sinais horribles en calquera suceso natural; e o que provocaban as incursións dos musulmáns en zonas do norte da Península. Unha destas razzias foi a que levou a cabo o famoso Almanzor en 997, cando chegou a Galicia ao mando dun temible exército. Despois de arrasar Tui, dirixiuse a Compostela, e San Pedro de Mezonzo ordenou evacuar a cidade. Segundo conta a tradición, cando Almanzor entrou en Santiago, a única persoa á que atopou foi ao ancián Mezonzo, orando ante o sepulcro do Apóstolo. O caudillo musulmán ordenou que non molestasen ao santo. Mentres, as tropas destruían o resto da cidade e, tamén segundo a lenda, facían que se baixasen as campás da Catedral para transportalas a Córdoba.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *