Santa Comba e a fervenza de Castriz

No país dos mil ríos hai lugares coma este, insospeitados, e por fortuna ben coidados para que todo o mundo poida gozar deles. O río Mira é un pequeno afluente do Xallas que atravesa o concello de Santa Comba, no corazón agrario da provincia da Coruña. Nun momento dado dentro do seu pequeno percorrido, a corrente ensánchase e cae unhas ducias de metros facendo forma de escaleira, brincando a auga entre as penas para despois perderse formando pequenos regatos que se acaban unindo de novo para máis tarde desembocar no río principal.

O espectáculo é especialmente fermoso en época de chuvias, pois o Mira parece non querer conformarse co seu leito e fai forza por se desbordar. O ruxido da corrente e o frescor da auga convidan a pasar unha tarde observando a fervenza, e abofé que é cousa sinxela, posto que a contorna está perfectamente coidada e pensada para o relax.

Pasarelas de madeira, muíños restaurados (con explicacións moi interesantes sobre a súa propiedade, que podía ser individual ou comunal segundo os casos) e unha zona de merendas únense aos accesos, perfectamente mantidos, que se fan a través dunha ancha pista de terra apta para calquera tipo de coche. Os oito quilómetros que percorre entre Abelenda (Coristanco) e o Xallas, e as augas que aproveita da lagoa de Alcaián bástanlle ao río Mira para crear unha auténtica xoia da natureza para todos os públicos.

A fermosura e a fertilidade desta zona non lles pasou desapercibida aos pobos que viviron aquí durante milenios. Empezando pola toponimia, en Castriz hai trazas dun castro de boas dimensións.No Concello de Santa Comba cóntase máis dunha ducia destes antigos asentamentos da Idade do Ferro, entre eles algúns tan importantes coma o de San Bartolomeu no Busto. Ademais, algúns historiadores defenden a teoría de que pola zona de Castriz pasaba unha importante vía de comunicación romana e que na súa contorna estacionou en tempos un importante corpo do Exército imperial.

A fervenza de Castriz atópase no industrioso Concello de Santa Comba. Dez mil persoas viven neste municipio, no que a principal actividade económica é a gandeira. A paisaxe agropecuaria, as lombas ondulantes e o gando que pace tranquilamente nas pradarías contrastan vivamente coa acción que se vive nas rúas da vila, centro administrativo da comarca. As feiras que se celebran nas alamedas centrais están entre as máis concorridas de toda Galicia, e nelas poden atoparse desde produtos de alimentación a roupa, calzado, maquinaria agrícola ou mobles.

O ocio nocturno foi tamén historicamente un gran atractivo desta poboación, que atrae mozos de toda a contorna cada fin de semana. As noites son intensas en Santa Comba, onde funcionan varios pubs e discotecas das máis concorridas da comarca. Con estes ingredientes (tradición hostaleira, paisaxe e produtos gandeiros e da horta excelentes) é fácil supoñer que a gastronomía xalleira é impoñente: a presenza na vila dun restaurante con estrela Michelin (nada menos) é proba disto.

 

2s comentarios

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *