San Paio de Narla, castelo e museo

É unha das visións máis máxicas que un se pode atopar en Galicia: un conduce ou pedalea polas reviradas estradas do interior da provincia de Lugo, estreitas e moitas veces cubertas por un teito de vexetación autóctona e, de súpeto, ao saír dunha curva, ante os ollos aparece unha maxestosa torre medieval. É o caso da fortaleza de San Paio de Narla, unha das mellor conservadas da Comunidade. Contén no seu interior unha interesante colección de obxectos a través dos cales se pode coñecer como vivían os galegos ata non hai tanto tempo. Da súa beleza serena é difícil deducir que, nalgún tempo e coma tantos outros castelos galegos, foi escenario de terribles e violentas loitas.

San Paio de Narla, ou a torre de Xiá, como se lle chama en referencia á parroquia do concello de Friol na que se sitúa, levántase a uns trinta quilómetros da capital provincial. Para chegar desde esta, hai que cruzar o Miño pola nova ponte, coller a estrada LU-232 ata Friol e unha vez no centro desta vila tomar á esquerda o vial cara o castelo, perfectamente sinalizado.

Dominando o leito de dous pequenos ríos desde unha modesta altura, seguramente ocupada en tempos por un antigo castro, San Paio de Narla destaca pola súa impoñente torre da homenaxe, que se recorta contra o ceo con sobriedade. Trátase dun edificio de orixe probablemente anterior ao século XIV, aínda que a maior parte do que hoxe se contempla se construíu despois do XVI.

A razón, como ocorre con moitos castelos galegos, é a Revolta Irmandiña de mediados do século XV. Durante a chamada Gran Guerra Irmandiña (1467-1469) os vasalos rebeláronse contra as infames condicións de vida que lles impuñan os señores feudais, derrubando boa parte dos edificios que simbolizaban o poder: os castelos. O de San Paio de Narla non foi unha excepción, mais coa derrota dos Irmandiños e o trunfo dos señores, a torre foi reconstruída e serviu de residencia de familias nobres ata ben entrado o século XIX, un cometido moito máis tranquilo dentro da Galicia agraria do antigo réxime.

É obrigada a subida ao alto da torre de homenaxe. Desde ela contémplase unha espectacular vista da bisbarra luguesa e da Ulloa, unha comarca que merece a pena ser visitada con calma. O edificio está cheo de detalles que fascinarán a quen queira parar a miralos, como a capela, co seu curioso retablo e un pequeno órgano.

Desde 1983 o castelo acolle a sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. Alberga, polo tanto, unha gran colección de ferramentas, máquinas e utensilios, reloxos, mobles, medios de transporte ou prendas de roupa empregados polos galegos ao longo das centurias, fundamentalmente no interior rural. É especialmente rechamante a colección de armas, na que teñen cabida desde unha armadura colonial española do século XVI aos aparellos defensivos dun samurai, ademais de numerosos tipos de escopetas, pequenos canóns, coitelos, espadas ou machetes.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *