San Cibrao de Las, un castro ciclópeo

É difícil non sentirse sobrepasado pola forza emocional que se sente ao pasear polas ruínas do castro de San Cibrao de Las (entre os concellos de San Amaro e Punxín, Ourense). O escavado non é máis que unha fracción do que debeu de ocupar no seu momento álxido. E, aínda así, resulta enorme. Desde o alto da lomba na que se sitúa este asentamento prerromano pódense ver con toda claridade rúas, casas e mesmo barrios dun dos poboados máis grandes de Galicia, con permiso dos de Santa Trega (A Guarda, Pontevedra) e Viladonga (Castro de Rei, Lugo). San Cibrao de Las debeu de ser, no seu tempo, toda unha capital.

O forte cativou a moitos dos principais intelectuais galegos do século XX. Vicente Risco, Florentino López Cuevillas ou Xaquín Lorenzo estiveron entre os primeiros que fixeron escavacións na zona, descubrindo o segredo dun conxunto enorme e monumental. Accédese á cidade por una sólida porta na muralla, de pedras ciclópeas e que estivo flanqueada por senllas torres circulares. Unha rúa principal distribúe o espazo en diferentes barrios. Entre as construcións máis destacadas está a dun alxibe, escavado hai pouco máis de dez anos. Cuberto por unha bóveda, recolle as augas dunha mina subterránea.

O castro estaba fortemente defendido e conformábano dous recintos amurallados, foxos, parapetos e outros elementos defensivos que se sumaban á unha situación estratéxica. San Cibrao de Las ocupa un amplo e elevado outeiro de preto de 10 hectáreas de extensión, entre os ríos Miño e Barbantiño. A vista desde a parte superior xustifica con facilidade a elección do lugar para construír o asentamento, pois el dominio da bisbarra e das terras arredor é perfecto.

En San Cibrao de Las pode pasearse pola gran área escavada e, tamén, pola que non o está. É moi interesante facelo da man dun dos guías do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC), entidade que xestiona o xacemento. Deste xeito é máis doado ver e interpretar o que foi o asentamento no seu momento de maior esplendor. O castro estivo habitado durante catro séculos, entre o II antes de Cristo e o II despois de Cristo, polo que recibiu de cheo o impacto da colonización romana. Nas escavacións atopáronse moitas evidencias da ocupación imperial, como aras votivas e inscricións nos afloramentos rochosos dedicadas ao deus Xúpiter.

Vivían os antigos castrexos de San Cibrao de Las da explotación mineira dos ríos próximos, da caza, da gandería e sobre todo da agricultura. Cultivaban cereais e aproveitando froitos como as landras para elaborar fariñas e, con elas, pan.

As diferentes épocas que atravesou o asentamento poden coñecerse visitando a interesante exposición do centro de interpretación, situado nun moderno edificio dos arquitectos Ángeles Santos, Carmen Ruiz e José Carlos Martínez, con máis de 2.900 metros cadrados de superficie.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *