San Carlos, o xardín romántico da Coruña

Liberal, trepidante e moderna, a cidade da Coruña conta tamén cunha alma poética que a comunica co romanticismo inglés do século XIX. A relación vén de lonxe e estableceuse cun feito tráxico que calquera coruñés é capaz de referir: a Batalla de Elviña e a morte en combate do oficial británico sir John Moore.

Este culto ao romanticismo ten na Coruña, ademais, un lugar ben destacado. Trátase do Xardín de San Carlos, un oasis no medio da axitación da urbe. O parque situouse no espazo que ocupaba en tempos unha das fortalezas principais que gardaban a cidade: visto desde lonxe é ben evidente que a súa base é a dun antigo castelo, en orixe (no século XIV) situado extramuros e despois unido á muralla. Foi este un lugar de destrución: en 1658 o descoido dun traballador fixo que o depósito de pólvora situado dentro estoupase, esnaquizando o lugar en mil pedazos e, de paso, levado por diante ducias de vidas e danando de importancia o convento de San Francisco, do que hoxe apenas quedan trazas detrás da igrexa da Orde Terceira. A explosión debeu ser tan estarrecedora que durante case dous séculos os coruñeses saían en procesión todos os anos para ofrecer o chamado voto da pólvora, pedindo ao ceo que nunca máis acontecese algo tan horrible.

Despois da desfeita, o lugar transformouse nun silencioso xardín disposto arredor da tumba do heroe da Batalla de Elviña, sir John Moore. O encontro bélico tivo lugar en plenas guerras napoleónicas. Nos primeiros días de 1809, Moore fuxía do centro da Península, perseguido por tropas francesas escollidas entre as mellores ao servizo do Emperador. A súa intención era embarcar o exército inglés no porto da Coruña. Mentres esperaba polas naves necesarias para a evacuación, viuse obrigado a facer fronte ao inimigo nas lombas de Elviña, á entrada da Coruña, daquela apenas unha aldea e hoxe lugar no que se asenta a Universidade. O día 16 os dous exércitos pelexaron e Moore recibiu un balazo do que morrería horas despois. O groso das tropas británicas puido embarcar antes de que os franceses, ao mando do mariscal Soult, entrasen nas murallas o día 18.

O corpo de Moore xace enterrado nunha urna de pedra en San Carlos, nunha tumba na que se poden ver, agora xa como adornos, varios aparellos bélicos como canóns ou bombas. Na contorna da tumba hai tamén recoñecementos ao valor do oficial inglés: as palabras de Wellington recordando a guerra (“Españois, dedicádevos todos a imitar aos inimitables galegos”); un poema do romántico inglés Charles Wolfe; e outro de Rosalía de Castro están gravados en mármore nas paredes do cerramento.

O xardín é unha parada obrigada en calquera paseo pola Coruña máis tradicional. Está, ademais, ben rodeado de edificios atractivos para quen queira coñecer o pasado da comunidade: o Arquivo do Reino de Galicia, o Museo Militar e a Fundación Seoane, dedicada ao ilustre pintor do século XX, están ao lado deste parque que, ademais, é unha atalaia privilexiada para contemplar o porto e a baía coruñesa.

Ademais, afondando na conexión británica da cidade, unha placa recorda aos 172 mariñeiros falecidos en 1890 no naufraxio do HMS Serpent preto de Camariñas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *