Ruta polos mosteiros de Galicia

Non se pode presumir de coñecer Galicia a fondo sen darse unha volta por algún dos mosteiros que, agochados entre bosques frondosos e paraxes de soño, forman parte importante do noso patrimonio histórico, cultural e artístico.

Hoxe propoñerémosvos unha ruta por algún deses lugares nos que, ademais de gozar da tranquilidade e a harmonía que forman parte da súa esencia, farannos descubrir paisaxes espectaculares e de gran beleza.

É na Ribeira Sacra (Ourense) onde nos atopamos a maior parte de mosteiros, probablemente pola contorna incomparable que alí hai. O primeiro sitio onde facemos unha parada é o Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. O que máis nos vai a chamar a atención ao chegar é á vez a súa principal característica, e é que está escavado na roca natural (de aí o seu nome), o que o fai practicamente único. Ademais, é o máis antigo de Galicia (anterior ao ano 573, segundo se puido comprobar), e desde 1923 ostenta o título de Ben de Interese Cultural.

Seguindo a nosa ruta, imos agora cara ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, do que xa falamos nalgunha ocasión e cuxa principal peculiaridade é que conxuga diversos tipos de estilos na súa construción: románico, barroco, gótico, renacentista e neoclásico.

Moi preto de aquí, rodeado de castiñeiros centenarios, atópase tamén o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Na provincia da Coruña comezamos a ruta polo Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. Declarado Monumento Histórico Artístico nacional, este complexo medieval atópase en metade do Camiño Norte que vai a Santiago de Compostela. É, xunto co Mosteiro de San Pedro de Rocas, outro dos máis antigos de Galicia. Hoxe en día, e dada a súa localización, a só 70 quilómetros de Santiago, é punto de paso dos miles de peregrinos que cada ano fan o Camiño para ver ao Apóstolo. Ademais, tamén funciona como albergue.

Tamén na Coruña, en pleno corazón das Fragas do Eume, atopámonos o Mosteiro de Santa María de Monfero, no seu día un dos que ostentaba máis poder en toda Galicia.

Preto de aquí, no medio dun espesísimo bosque, está o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro. Se hai algo que fai especial este lugar, ademais da súa beleza intrínseca, son as espectaculares vistas do val do Eume que nos ofrece. Alí o verde é infinito. Claro que, para gozar de todo iso, hai que subir… Dependendo da época do ano, accédese en coche a unha zona próxima ao Mosteiro ou a outra máis afastada, e neste último caso, a subida tense que completar a pé. É unha subida dura, si, pero realmente paga a pena.

A beiras do río Deza, na provincia de Pontevedra, atópase o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Nada máis chegar alí, o primeiro que vemos son as súas portas románicas que, segundo din, foron construídas por discípulos do mesmísimo Mestre Mateo. Nunha delas, a principal, podemos ver representados aos 24 anciáns dos que falaba a Apocalipse.

Por último, e xa na provincia de Lugo, achegámonos ao Mosteiro de San Xulián de Samos. Do mesmo xeito que o de Sobrado dos Monxes, este mosteiro é lugar de paso para os peregrinos no Camiño de Santiago. Como curiosidade: un pouco máis arriba deste mosteiro atópase a famosa Capela do Ciprés que, cos seus máis de mil anos de idade, é unha das principais xoias artísticas da nosa comunidade. Ademais, o feito de ser anterior ao mosteiro fai pensar que foi relevante á hora de decidir construílo aquí.

Galicia ofrece a oportunidade de descubrila con rutas moi diferentes, e esta que propoñemos hoxe é probablemente unha das máis interesantes a todos os niveis, así que se dispós dun fin de semana libre e queres facelo máxico, esta é a túa ruta.

 

5s comentarios

  1. Me interesa recibir información sobre excursiones y jornadas culturales que se organizen a lo largo del año para poder asistir. Un saludo

  2. me interesa recibir información sobre excursiones y jornadas culturales que se organizen a lo largo del año, para poder asistir.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *