Ruta do Viño Monterrei

 

VI Feira do Viño de Monterrei

Dende os cumes que separan Galicia de Castela e León, ao sueste da provincia de Ourense, e seguindo cara ao interior a Autoestrada das Rías Baixas A-52, penetramos na Ruta do Viño de Monterrei, a primeira ruta galega que atoparemos entrando dende terras castelás. Rodeamos o maxestoso Macizo Central ourensán polas vías principais de entrada a Galicia dende Castela e León, onde os invernos tinxen de branco os montes, e os últimos tellados de lousa anuncian que entramos en terras galegas. A Denominación de Orixe de Monterrei comprende 400 hectáreas de viñedos que aparecen estruturadas en dúas subzonas perfectamente delimitadas pola súa orografía: o val de Monterrei e a ladeira de Monterrei. Os seus municipios, Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, reúnen na actualidade a un total de 330 viticultores e 25 adegas inscritas na devandita D.O. Alí, o noso viaxeiro atopará adegas que coroan espec- taculares miradoiros na montaña e adegas aos pés do val.

Terra limítrofe co noso veciño Portugal, na que a historia de fronteira nos deixa como legado a Acrópole de Monterrei; fortaleza medieval onde se desenvolven parte dos acontecementos que marcaron esta terra. Antecedente da actual poboación, cuxos habitantes decidiron abandonar, na nosa historia recente, o interior da cidadela fortificada para construír os modernos pobos que hoxe salpican a comarca.

Espectacular paisaxe, coroada ao norte polas serras de Pena Trevinca, O Invernadeiro e San Mamede; fértiles terras preñadas de auga, nas que os ríos que nacen na montaña van deixando atrás pequenas fervenzas buscando o val, e numerosos mananciais mineromedicinais as regan de vida e de saúde constituíndo hoxe uns recursos incomparables.

Primeiros retrincos da conca do Douro, onde o seu afluente, o Támega, suca coas súas augas de norte a sur o territo- rio para penetrar xa en terras lusitanas; cara aquí vemos como se estenden os viñedos de Monterrei dende as ladei- ras da montaña. Unha Denominación de Orixe nova nun territorio milenario, cuxa tradición polo viño vénlle de lonxe, como o testemuña a estatua do deus Dionisos —atopada no Castro de Muradela, a seis quilómetros de Verín—, deus clá- sico do viño, inspirador da orxía ritual e do éxtase, testemuño das orixes antigas da produción do viño nesta terra, e que hoxe dorme no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

O que non te debes perder

Por Monterrei pasa o Camiño de Santiago coñecido como Vía da Prata. Aquí o camiñante dispón do albergue Casa do Escudo de Verín, que funciona durante todo o ano. Entre o patrimonio histórico-artístico máis relevante está o Castelo de Monterrei (s. XIII e XVII). Conxunto arquitectónico rodeado por un recinto fortificado que alberga a antiga vila, a Torre da Homenaxe, a Torre das Damas, o patio de armas, a igrexa gótica, o barrio extramuros e a triple muralla. Un lugar cheo de historias e lendas que che farán sentir a máis pura evocación da época medieval.

E no casco antigo de Verín poderás visitar a rúa Viriato, a Casa dos Acevedo, a contorna da Praza do Cigarrón ou o Convento Padres Mercedarios. A uns catro quilómetros de Verín, atopamos a igrexa prerrománica de Mixós (s. X), no concello de Monterrei; a Capela dos Remedios e a fermosa paraxe que a rodea, ou o Parque Natural do Invernadeiro, en Vilariño de Conso. O visitante conta tamén cunha rede de carreiros, entre os que destacan A Ruta O Lagar da Moura, a Ruta do Pazo do Demo, a Ruta do río Támega e a Ruta das Augas, que pasa polos mananciais mineromedicinais da paraxe de Cabreiroá e o seu balneario, Sousas e Fontenova, Requeixo, Fonte do Sapo, Caldeliñas e outros.

En inverno, merecen un recoñecemento especial o entroido. Unha festa con data variable que pode ter lugar dende finais de xaneiro ata princi- pios de marzo, na que se mesturan o pagán cunha relixiosidade popularmente interpretada, e que en Verín ten a súa máxima expresión no Cigarrón como personaxe protagonista. Para os que sexan ou se sintan novos, a finais de xullo celébrase A Batucada, un entroido de verán con carpas de música.

Como chegar

Estradas

A mellor maneira de chegar a esta ruta é por estrada.

– Dende a Meseta chega ata aquí a A-52, Autoestrada das Rías Baixas. O visitante deberá coller o tramo de enlace OU-310 ata a poboación de Verín.
– Dende Portugal, o mellor xeito de acceder é pola localidade de Chaves, a 28 quilómetros de Verín. Aquí hai que tomar a A-24 empa- tando xa en España coa A-71, conectando despois coa N-532 ata chegar a esta localidade.

Aeroportos

– Santiago de Compostela: 168 km/1 hora e 43 minutos de traxecto.
– Vigo: 159 km/1 hora e 48 minutos de traxecto.

 

Un comentario

  1. Os días 6 e 7 de agosto celébrase a VI Feira do Viño de Monterrei en Verín. Nesta ocasión estarán presentes 14 bodegas coa Denominación de Orixe de Monterrei -http://bit.ly/oKKN6o- e xunto cos viños da comarca poderanse degustar outros produtos gastronómicos do país. A apertura do recinto feiral será o sábado 6 ás 19:00 horas e a inauguración oficial terá lugar ás 20:30 horas: o pregón correrá a cargo de Mª Carmen Pardo López, Secretaria Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia. Programa dispoñible no enlace: http://bit.ly/q2KGAe

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *