Ribeira Sacra

Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra integra un conxunto de vinte municipios pertencentes ao sur da provincia de Lugo e ao norte de Ourense, no interior de Galicia. O seu elemento aglutinador é o curso fluvial dos ríos Miño, Sil e Cabe, que discorren cara á súa confluencia a través de gargantas ou canóns de forte verticalidade, configurando así unha paisaxe única e unha terra singular. Froito deste legado son as terras do Sil e do Miño, cun valioso patrimonio de mosteiros – que irradiaron arte, cultura e progreso material a toda Galicia. De aí o nome Ribeira Sacra (Rivoyra Sacrata), do que existe constancia escrita desde o século XII; ao longo dela atopamos cenobios como o de San Estevo de Ribas de Sil(hoxe Parador), Santa Cristina, San Pedro de Rocas, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Ferreira de Pantón, igrexas como as de San Paio de Diomondi, San Miguel de Eiré,…-. Neste territorio atopamos tamén dólmenes e medorras prehistóricos que evidencian un poboamento temperán, continuado con importantes pegadas de presenza romana. Os espectaculares miradoiros sobre o Canón do Sil son visita obrigada para admirar a monumentalidade da paisaxe. Nas ribeiras soleadas os viñedos descenden en socalcos ata cerca do río mentres que unha vexetación de carballos, castaños e bidueiros complementa desde a outra beira a riqueza cromática do panorama; a particularidade e dificultade desta orografía permite que na Ribeira Sacra se fale de Viticultura Heroica.

A D.O. Ribeira Sacra está constituída por cinco subzonas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. É unha zona de produción vinícola cunha extensión próxima ás 2.500 hectáreas de viñedo, que supón un 5,2% do chan dedicado á vide en Galicia. Trátase dun territorio que garda toda a esencia dos viños galegos, moi vinculados aos Camiños de Santiago, tanto ao internacionalmente coñecido Camiño Francés (a través da subzona Ribeiras de Miño, nos concellos lucenses de Paradela e Portomarín), como ao chamado Camiño de Inverno, no que se atopan as subzonas de Quiroga, Amandi e Chantada, que discorre en parte por unha antiga vía romana.

Nas uvas brancas as variedades preferentes son o Albariño, a Treixadura, Dona Branca, Godello, Loureira e Torrontés. Entre as uvas tintas, que son maioritarias, son preferentes a Mencía, Brancellao e Merenzao e autorizadas, a Garnacha e Mouratón ou Negreda. Os viños brancos son afroitados e cun fino toque de acidez, cun lixeiro retrogusto e delicada presenza en padal. Os tintos destacan polos seus aromas limpos, elegantes e intensos, e a súa cor cereixa brillante con ribete púrpura. Equilibrados e ben estruturados, resultan uns viños redondos e amplos en boca.

Ruta do Viño de la Ribeira Sacra
Rúa do Comercio, 6-8
27400 Monforte de Lemos. Lugo
Tel: +34 982 410 968
Fax: +34 982 411 265
www.ribeirasacra.org
info@ribeirasacra.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *