Recursos para camiñantes en Galicia

Gústache o sendeirismo? Daquela, Galicia é o teu sitio. Rutas enormes e duras ou paseos refrescantes, xunto ao río, fronte ao mar, en plena montaña… Recomendámosche algúns recursos para que planifiques as túas excursións.

Portal de Turismo de Galicia

É o portal de referencia para calquera persoa que queira botarse ao monte en Galicia. O portal de Turismo de Galicia conta cun gran buscador no que están incluídas as principais rutas da comunidade. Están presentes desde os sendeiros máis longos e complicados, coma os Camiños de Santiago, aos doados xunto ao mar ou alternativas para coñecer as cidades andando polas periferias rurais. O buscador é especialmente útil dado que ofrece información xeográfica de cada recurso e, ademais, dá ideas sobre onde comer ou durmir e da contorna de cada ruta, e sobre que monumentos e lugares próximos visitar. A través do portal de Galicia poderás descargar no teu móbil a aplicación Sendegal na que atoparás todos os sendeiros homologados da Comunidade autónoma.

Webs comarcais ou de mancomunidades

As entidades supralocais fixeron un gran esforzo nos últimos tempos para poñer en valor o seu patrimonio natural e, dentro destes programas, o sendeirismo sempre foi a estrela. Á par que se acondicionaron camiños e servizos desenvolvéronse webs para que os que están interesados nas camiñadas poidan planificar as excursións coa maior comodidade. Unha destas páxinas é, por exemplo, a de Área Santiago, que reúne as rutas de sendeirismo de case vinte municipios da contorna de Santiago de Compostela, a cabalo entre as provincias da Coruña e de Pontevedra e entre os leitos dos ríos Ulla e Tambre. Outro moi bo exemplo é o da Mancomunidade de municipios do Salnés. Vinte rutas, desde grandes percorridos a pequenos paseos, lístanse neste repositorio, con puntos de interese en municipios da ría de Arousa e a de Pontevedra.

Webs municipais

Case todos os concellos galegos inclúen nas súas webs institucionais un apartado dedicado ao turismo e, dentro del, é raro que non haxa un sitio para dúas ou tres rutas para facer a pe. Nalgúns casos pódense descargar tracks para seguir cun aparello de GPS, e tamén é habitual que se poidan baixar folletos e mapas en PDF. Son, en todo caso, unha boa porta de entrada para os atractivos locais.

Wikiloc

O máis popular dos buscadores de rutas de sendeirismo ten literalmente centos de alternativas para pasear por Galicia, seguindo os pasos doutros camiñantes que previamente gravaran traxectos nos seus aparellos de GPS. Iso si, hai que ter en conta que estas rutas as soben directamente os usuarios, e non están necesariamente comprobadas ou testadas por sendeiristas expertos. É dicir, que se o camiñante orixinal sobe á plataforma unha ruta na que se perdeu e non o advirte… quen a siga perderase tamén. Convén tomar sempre rutas feitas xa por varias persoas e, sobre todo, baixar as versións máis modernas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *