Que é a Rianxeira?

Cantada en festas e celebracións, asubiada ou coreada en estadios de fútbol e tamén en auditorios… A Rianxeira é posiblemente a canción galega máis coñecida de todos os tempos, mesmo por encima do Himno Galego. A narración da súa composición e estrea únea ademais a outro fenómeno fundamental para entender a historia da Comunidade: a emigración a América do Sur durante a primeira metade do século XX.

Por máis coñecida que sexa, A Rianxeira non é unha canción popular de autor descoñecido, desas que levan toda a vida cantándose sen que poida trazarse un fío ata a primeira interpretación. Ao contrario, a súa inmortal música foi composta en 1947 por Anxo Romero Loxo, nacido en Rianxo en 1905 e que, para entón, vivía en Buenos Aires traballando no comercio. Romero Loxo era no seu tempo libre músico de jazz afeccionado e compoñente de varios coros fundados en Arxentina polos emigrantes galegos. Estas agrupacións eran unha mostra do dinamismo cultural das comunidades galegas do exterior e estaban, en moitos casos, vinculadas co galeguismo. O compositor coñecía, de feito, ao artista e político exiliado Alfonso Rodríguez Castelao, rianxeiro coma el.

En 1947 Castelao volveu definitivamente desde Europa a Buenos Aires, onde falecería tres anos máis tarde. Con motivo dese regreso, o Centro Rianxo da capital arxentina decidiu homenaxealo cunha canción de aires rexionais que contase cunha letra relacionada coa terra natal do debuxante. Romero recibiu o encargo de compoñer a música e el mesmo propuxo ao escritor Xesús Frieiro Dourado, alcumado Pinciñas e descendente el mesmo de rianxeiros. Frieiro investigou canto puido nas cantigas tradicionais da zona de Arousa e acabou escribindo unha letra na honra da patroa da vila, Nosa Señora de Guadalupe, a virxe moreniña, en referencia á cor da pel da talla que a representa. O título orixinal foi Ondiñas da nosa ría e foi estreada na cea de recibimento a Castelao.

En 1950 o tema gravouse en Montevideo e a melodía fíxose popular en poucos anos, grazas á súa emisión a través da radio. Chegada a súa sona a Galicia, as coplas orixinais de Pinciñas fóronse transformando e incorporando outras efectivamente populares, ata chegar á forma que hoxe todos coñecemos: A Virxe de Guadalupe / cando vai pola ribeira / descalciña pola area / parece unha Rianxeira. / Ondiñas veñen, ondiñas veñen / ondiñas veñen e van / non te embarques rianxeira / que te vas a marear.

A Rianxeira é hoxe unha das cancións que non poden faltar en calquera romaría ou festa galega. Os equipos de fútbol, tanto o Celta de Vigo coma o Deportivo da Coruña, utilizárona e utilízana para celebrar as súas conquistas deportivas; os veciños de Rianxo entóana ao unísono durante as festas da Virxe de Guadalupe; e os seus compases foron interpretados por cantantes e músicos tan diferentes como Ana Kiro, A Roda ou Linda Ronstad e The Chieftains. A Anxo Romero e a Xesús Frieiro chegoulles tamén o recoñecemento na súa vila natal, onde hoxe hai unha rúa dedicada a eles, xunto ao mar e ao Centro Cultural local.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *