Portomarín desde o Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago é unha ruta especialmente fecunda en vistas impagables. Hai moitos recantos que aparecen así, sen avisar, e que deixan ao peregrino sen fala; por iso é un traxecto tan particular e por iso quen o percorre, volve. Hoxe imos deternos nunha vista desas que obrigan aos pés a frear e aos ollos a concentrarse na beleza afastada: a de Portomarín desde as alturas.

O panorama aparéceselle ao peregrino á altura do quilómetro 96 da Ruta Xacobea (xa se sabe que, seguindo o marcado nos fitos que hai á beira do Camiño, a distancia mídese á inversa, e reflicte os quilómetros que quedan ata Compostela). Xusto no momento no que o traxecto deixa a estrada LU-4203 para comezar unha prolongada baixada cara ao río Miño, no lugar coñecido como Marcadoiro, un grupo de edificios brancos contémplase ao lonxe, do outro lado do val. As construcións están agradablemente distribuídas na zona baixa dunhas montañas que se recortan contra o ceo. En primeiro termo, a baixada do Camiño retórcese entre árbores autóctonas e valados de pedra, semellantes aos que cruzan as lombas que o peregrino vén de atravesar.

O que se contempla ao fondo é a vila de Portomarín, e o estraño feito de que se aprecie tan ordenada á vista é que se trata dun pobo planeado, construído hai apenas medio século, para aloxar aos habitantes do antigo núcleo, anegado polo encoro de Belesar nos anos sesenta do século pasado.

O traslado de Portomarín foi toda unha empresa colectiva. Os edificios máis importantes da vila desmontáronse pedra por pedra e subíronse ao chamado Monte do Cristo, ladeira arriba. Entre as construcións voltas a pór en pé atópanse a igrexa de San Pedro, varios pazos ou a famosa escalinata e a Capela das Neves pola que fai entrada o Camiño na nova localidade. E, sobre todo, a impoñente igrexa de San Nicolao, antigamente denominada de San Xoán. Esta igrexa-castelo románica foi construída entre os séculos XII e XIII e garda entre os seus volumes rotundos, case agresivos, recantos tan destacables como a portada, dedicada ás imaxes da Apocalipse, ou un pequeno e delicado rosetón. Nas súas pedras aínda hoxe se pode ver a última pegada que deixou a historia na vila, na forma dos números escritos sobre as pedras cando foi desmontada, para despois volver colocar cada peza no seu lugar no novo emprazamento, lonxe das augas do río.

A nova vila, proxectada polo arquitecto Pons Sorolla, dispúxose arredor dunha praza maior na que se colocaron tanto a igrexa de San Xoán coma o pazo do Xeneral Paredes, e doutra praza máis pequena presidida pola igrexa de San Pedro. As vivendas e as rúas tentaban reproducir a arquitectura da zona, empregando materiais locais coma a lousa, e dotáronse duns soportais moi característicos nos que hoxe descansan das fatigas e do sol os peregrinos que percorren o Camiño Francés.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *