Plan de 4 días para coñecer a Costa da Morte (e algo máis)

Tes gana de vir uns días a Galicia? Hoxe propoñémosche un percorrido de 4 días deseñado para axudarche a que aproveites o tempo ao máximo e non perdas detalle desta coñecida zona da nosa comunidade. Ademais, deixaremos un tempo para aproveitar e visitar dúas cidades próximas á Costa da Morte.

A Costa da Morte, que herda o seu nome dos numerosos naufraxios que se sufriron na súa contorna, conforma unha das costas máis perigosas de España, pero tamén unha das máis cativadoras. Unha agreste franxa costeira con praias inmensas, cantís, fortes correntes e repentinos temporais que a fan moi respectada polos navegantes. Tras este litoral escóndense numerosas lendas que che convidamos a percorrer nesta escapada deseñada para 4 días de duración.

Primeiro día: Descubrindo a cidade de cristal

Para este plan, propoñémosche que durmas na Coruña, que nos servirá de punto de partida das distintas excursións e ten unha moi boa oferta hostaleira. O primeiro día da viaxe, que seguramente non sexa enteiro, podes aproveitalo para deixar as túas maletas no teu aloxamento e pasear pola cidade. A Coruña é coñecida como “a cidade de Cristal”, polas súas múltiples fachadas con galerías, sobre todo na Mariña ou o Parrote. Non deixes de visitar a Praza de María Pita, a Cidade Vella ou a Torre de Hércules, o faro máis antigo en funcionamento do mundo.

Segundo día: Ruta polos pobos da Costa da Morte

O segundo día podemos comezar o noso percorrido pola Costa da Morte, partindo de Vimianzo, capital natural da Terra de Soneira, onde podemos ver o seu Castelo. Continuaremos cunha parada obrigada en Camariñas, un pobo cun auténtico sabor mariñeiro onde poderás facer unha parada para degustar as delicias desta terra e ver as famosas palilleiras de primeira man. A continuación podes coñecer Corcubión para admirar a beleza da súa paisaxe verde e rochosa, e visitar o Pazo dos Condes de Altamira, o Porto, a Casa Miñones e o Castelo do Cardeal. Para finalizar un día completo, propoñémosche coñecer Carnota para contemplar o larguísimo e famoso hórreo que se atopa nesta vila, e de paso percorrer a fermosa e tranquila praia de Carnota e gozar dun atardecer de postal.

Terceiro día: Natureza no fin do mundo coñecido

Aínda que nos saímos da Costa da Morte, o terceiro día reservámolo para achegarnos á ría de Muros e Noia, comezando por Noia, unha vila señorial cargada de historia. Despois de visitar o seu casco antigo, podes camiñar tranquilamente polo Paseo Marítimo. Unha boa maneira de coñecer a ría é contratando algún dos paseos en catamarán dispoñibles pola ría nos que poderás contemplar os fondos mariños e os marabillosos enclaves naturais que rodean a contorna. Para os máis aventureiros, a Serra de Outes, situada moi preto de Noia, ofrece diversas rutas para practicar sendeirismo. Pola tarde, é o momento ideal para achegamos ao que era considerado o fin do mundo polos romanos, o Cabo Fisterra, un dos puntos máis occidentais do continente europeo. Aquí podemos volver finalizar o día contemplando unha posta de sol de película nunha das contornas máis emblemáticas da Costa da Morte.

Cuarto día: Visita obrigada a Santiago de Compostela

Non podía faltar no noso percorrido unha vista á capital de Galicia: Santiago de Compostela, declarada Cidade Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Percorrer as rúas do Casco histórico e contemplar a Catedral, co seu Pórtico da Gloria recentemente restaurado, é algo case obrigatorio para aqueles que veñen a Galicia. Non te vaias sen tomar unha boa ración de polbo á galega nin sen probar a coñecida torta de Santiago.

Esperamos que esta ruta che sirva de inspiración, e se a fas, contamos cos teus comentarios e suxestións. O que podemos asegurar é que se a fas, saberás o que é a morriña…

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *