Piscinas naturais, a proposta máis singular para o mergullo estival

Praias e piscinas son os lugares máis socorridos para darse un mergullo cando o sol aperta, pero Galicia ofrece tamén outros espazos cheos de encanto natural nos que buscar refuxio e refresco. Un puñado de pozas naturais formadas por ríos e mananciais salpican a comunidade converténdose nun importante reclamo para quen busca un lugar onde darse o baño máis orixinal. Aquí mostrámosche algunhas destas paraxes singulares.

 

Río Pedras. A Pobra do Caramiñal.

As piscinas naturais do río Pedras convertéronse nun dos principais atractivos do municipio coruñés da Pobra do Caramiñal e congregan a un número crecente de bañistas. Para chegar hai que percorrer unha longa camiñada, pero a recompensa do baño e a beleza da paisaxe ben merecen o esforzo.

 

Pozas de Mougás e Loureza. Oia.

Dous son os puntos que o municipio pontevedrés de Oia ofrece para bañarse sen ter que mancharse os pés de area: as pozas de Mougás, no leito do río Peito, e as de Loureza, formadas polo río Tamuxe. Ambas contas con bonitas fervenzas nas súas inmediacións.

Máis información aquí.


Augacaída. Pantón

A espectacular fervenza de Augacaída, en Pantón, non só ofrece belos roteiros de sendeirismo nos seus arredores e vestixios do pasado como o Castro de Marce, senón que forma no súa parte inferior unha gran piscina natural.

Máis información aquí.

 

Pozas de Melón

Ao seu paso polo municipio ourensán de Melón, o río Cerves vai debuxando fervenzas e varias pozas (a máis famosa é a de As Mestas) que convidan ao baño. Un roteiro de sendeirismo facilita o acceso a un lugar dotado tamén dunha espectacular vexetación. 

 

Pozo de Corme. Ponteceso

As mesmas augas e as mesmas rochas nas que crecen os prezados percebes do Roncudo dan forma ao coñecido como Pozo de Corme. Trátase dunha piscina natural situada sobre o mar e de acceso limitado. Só se pode chegar a ela con marea baixa e o mar en calma.

 

Poza da Moura. Moaña

O río da Miñouba non só ten antigos muíños que mostrar ao visitante. Na súa parte alta atópanse a poza e a fervenza da Moura, un bo lugar onde darse un mergullo e gozar das vistas da ría de Vigo.

 
Fervenza do Cachón. Maside e Amoeiro

Ademais de marcar o límite entre os municipios de Maside e Amoeiro, o río Barbantiño traza ao seu paso pola zona unha fervenza, coñecida como do Cachón ou do Barbantiño, que nas súas inmediacións conta con varios muíños e un roteiro de sendeirismo.

 

Pozas de Nuveira. Mazaricos

Un dos afluentes do río Xallas regala a quen se interne nas inmediacións do encoro de Santa Uxía unha bela paraxe de árbores, pedra, auga e fervenzas.

 

 

Caldeiras do Castro. Muxía

Uns quilómetros antes da súa desembocadura na ría de Lires, o río Castro deixa ao seu paso polo municipio de Muxía unha fervenza e varias piscinas naturais. Nas súas inmediacións hai ademais un merendeiro.

Máis información aquí.

 

A Barosa. Barro

Natureza e etnografía danse a man neste bonito espazo do río Barosa, no municipio pontevedrés de Barro. O visitante poderá percorrer un carreiro circular de 4 quilómetros, contemplar a fervenza que traza o río e os muíños situados nas súas marxes e bañarse nas súas augas.

Máis información aquí.

 

CONSELLOS

Acceso. A maioría destes lugares atópanse en espazos naturais aos que é complicado acceder en coche. A mellor maneira de percorrer o último tramo é camiñando e así poderás gozar mellor da paisaxe. Non esquezas levar calzado adecuado e líquido para hidratarte.

Mellor en compañía. A combinación de auga e pedra pode provocar accidentes. Acudir acompañados axuda a previr posibles contratempos e a obter auxilio en caso de necesitalo. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *