Parque Natural das Fragas do Eume

Conta a lenda que Deus, ao crear os tres ríos que nacen na serra de O Xistral (Eume, Landro e Masma), prometeulle un home cada ano ao que chegase primeiro ao mar. Traizoado polos outros dous, que o deixaron durmindo, o Eume tivo que cruzar vales e montes para gañar. Por iso, din, saíu bravo e agreste e, antes da aparición dos encoros na súa canle, era el o que levaba cada ano a vida dun home.

As Fragas do Eume, que se estenden por un abrupto val de profundas gargantas, presumen de ser o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa e un dos escasos bosques do seu tipo en todo o continente. O seu ecosistema é practicamente único.

Declarado Parque Natural en 1997, abarca 9.125 hectáreas que se estenden ao longo dos municipios coruñeses de Cabanas, Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez.

Encaixado no profundo canón que o río Eume labrou co paso do tempo (nalgúns puntos hai ata 300 metros de desnivel), é un dos tesouros botánicos de Galicia e da Península Ibérica, xa que alberga algunhas especies de fieitos case exclusivas e que unicamente se poden atopar en moi poucos enclaves da nosa xeografía. Trátase dun espeso bosque repleto de carballos, castiñeiros, abeleiras, freixos, bidueiros, teixos e érbedo onde as ramas dificultan o paso da luz e do vento, mantendo así unha humidade e unha temperatura practicamente constantes no chan. Créanse así as condicións idóneas para a presenza de multitude de pequenos invertebrados de gran valor ecolóxico. Nos terreos máis próximos ao río medran pequenos bosques de chopos e amieiros que esconden auténticos tesouros, como os brións, específicos deste parque, e dúas raras especies de narcisos. O sotobosque das fragas ten unha gran relevancia non só pola súa heteroxeneidade senón por albergar tamén algunhas das especies máis emblemáticas deste espazo, como a woodwardia, sobrevivente dos fentos que fai millóns de anos dominaban o clima mediterráneo.

Aínda que a flora é a xoia das Fragas do Eume, tamén acollen algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, desde pequenos anfibios e réptiles, como a píntega rabilonga, ata especies maiores, como o lobo ou o gato montés, ou diversas aves de rapina, como o bufo real.

O paso do home por estes bosques ao longo da historia evidénciase nos restos que están repartidos polo parque: varios túmulos e castros, os mosteiros medievais de San Xoán de Caaveiro e Santa María de Monfero, ou a Torre dos Andrade. Cabe destacar tamén as fermosas pontes colgantes repartidas ao longo dos máis de oitenta quilómetros de río.

En canto á mellor forma de coñecer o parque, sobra dicir que é a pé. Só así pode un atopar o silencio absoluto, sentir a humidade en cada respiración e descubrir que non existe unha soa cor verde, senón que existen mil verdes diferentes. Imperdibles son tamén as vistas desde o Mosteiro de Caaveiro, situado no corazón das Fragas, e desde os catro miradoiros habilitados ao longo de todo o ano.

Trátase, en fin, dun espazo protexido que ofrece agradables sorpresas a quen o percorre. Por iso, non é estraño que todo aquel que o visita quede hipnotizado pola beleza e a maxia dos paseos coma se dun bosque encantado se tratase.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *