Os Sobreirais do río Arnego

O río Arnego é un pequeño curso de auga deses que fixeron de Galicia o país dos mil ríos, como lle chamaba o poeta. Nace nas alturas da serra do Faro, na Pena de Francia de Dozón onde di a tradición que naceu o rei visigodo Witiza. Desde alí baixa rapidamente en dirección norte deixando á esquerda a vila de Lalín, para morrer uns quilómetros máis alá no río Ulla, en pleno encoro de Portodemouros. É un río fero, coma a maior parte dos que se sitúan nesta zona do centro de Galicia, pois fai o seu percorrido apenas nun suspiro e a maior parte do ano cheo de auga que pelexa por abrirse paso entre paredes de rocha.

O Arnego garda no seu tramo final un segredo que lle gustará coñecer a calquera viaxeiro curioso: en pleno interior galego, un bosque con moitas especies máis propias de climas coma o mediterráneo.

A esta zona chámaselle Sobreirais do Arnego precisamente pola especie que a singulariza: a sobreira, esa árbore da familia do carballo que se caracteriza pola calidade da súa cortiza. Esta utilízase para multitude de produtos, desde as rollas das botellas ata a manufactura de produtos artesáns. A temperatura, morna durante a maior parte do ano, propiciou que a especie prosperase neste bosque, unha das poucas áreas de Galicia na que se poden atopar sobreiras en cantidade aprezable, e en moitos casos exemplares de gran tamaño e longos anos de existencia. Hai lugares na provincia de Ourense ou na contorna na Ribeira Sacra nos que tamén se poden ver. De feito, na zona sur de Galicia houbo nalgún tempo boas reservas desta árbores, pois mesmo o Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, asegura que nas aldeas da desembocadura do Miño había bosques dedicados ao cultivo da cortiza que logo se empregaría en aparellos tan fundamentais para o día a día mariñeiro como son as boias de pesca. Porén, hoxe en día os Sobreirais do Arnego, coas súas máis de 1.500 hectáreas de extensión, son únicos.

Outra das especies propias de zonas máis ao sur que se poden encontrar aquí é o érbedo, coas súas inconfundibles bagas vermellas. Tamén medran, por suposto, especies máis estendidas na Comunidade, como carballos, castiñeiros e amieiros, constituíndo un magnífico exemplo de bosque de ribeira declarado Lugar de Importancia Comunitaria integrado dentro da Rede Natura 2000, o que lle dá especial protección.

Os sobreirais esténdense polos concellos de Lalín, Vila de Cruces e Agolada, principalmente este último. Para coñecelos existen varias rutas de sendeirismo doadas de facer. Os máis atrevidos poden probar a baixar algún tramo do Arnego en canoa, aínda que para isto hai que ser un piragüista algo experimentado nas augas bravas: en inverno o río baixa con forza e, nalgúns tramos, forma pequenos canóns espectaculares para ver e difíciles de navegar. O sobreiral é tamén un lugar moi apreciado por aqueles que practican a pesca deportiva.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *