Os sesenta muíños de Folón e Picón

O interior de Galicia tivo sempre unha materia prima en abundancia: a auga. E os galegos aprenderon a aproveitala moi cedo. Basta con poñerse a camiñar á beira de calquera río, grande ou pequeno, para atopar os restos dos muíños que ata non hai tanto foron unha das principais fontes de riqueza das localidades do interior e da costa. Neles moíase o grao para despois facer pan e tamén se facía unha vida social tan intensa que o baile festivo máis coñecido da Comunidade vén chamarse “muiñeira”. Os modestos muíños foron auténticos protagonistas durante séculos da existencia dos galegos e das galegas.

Agora que quedaron en desuso, moitas destas edificacións foron recuperadas como elementos etnográficos, en bastantes ocasións en torno a rutas de gran atractivo turístico. É o caso da popular senda dos muíños de Folón e Picón, no concello do Rosal, que permite percorrer en aproximadamente hora e media unha das maiores concentracións mundiais destes aproveitamentos hidráulicos.

O Folón e o Picón son apenas dous regatos se os comparamos coa anchura do veciño río Miño. Porén, uns sesenta muíños aproveitaban a súa forza para traballar. Nun percorrido sinalizado de menos de catro quilómetros poden atoparse edificios de toda tipoloxía, tamaño e variado estado de conservación. Neles, ao longo dos decenios, os canteiros e os propietarios foron gravando marcas na pedra que hoxe perduran. Os muíños foron construídos entre os séculos XVIII e XIX, e recentemente restaurados.

Para afrontar a ruta fan falta unicamente unhas boas botas e un chisco de coidado, polo que a visita se pode facer con nenos, sempre botándolles un ollo nos lugares máis complicados. A primeira metade ascende ao son do río Folón. Un estreito camiño pasa xunto a preto de corenta construcións dispostas en escaleira sobre a ladeira do monte: un auténtico espectáculo de arquitectura popular que poucos se resisten a retratar. É o fondo perfecto para unha fotografía para o recordo. No alto atópase o chamado Chan da Cereixeira e a ermida de San Martiño, e é nese punto máis alto no que as canles se dividen para dar auga ás dúas liñas de muíños.

A ruta é circular e, polo tanto, a segunda parte realízase costa abaixo, xunto ao Picón, arredor do cal se atopan uns vinte muíños e desde a que se poden ver os restos dunha calzada feita con monumentais pedras gravadas polas rodas dos carros durante séculos. No percorrido é posible entrar nalgunha das construcións, restauradas para que permitir coñecer como funcionaban estes aproveitamentos hidráulicos. Tamén é moi curioso ver as diferentes canles e os moitos desvíos, feitos case sempre en pedra, que se fixeron no seu día para aproveitar ao máximo a forza da auga: o Folón e o Picón serían correntes menores, pero daban para alimentar a toda unha industria de considerables proporcións. É tentador sentar un pedazo nunha das conducións e tentar pensar en como sería a vida no momento no que os muíños funcionaban a pleno rendemento, cos veciños subindo ata eles sacos de grao pola empinada costa.

Os muíños dos ríos Folón e Picón son un dos atractivos máis importantes do Concello do Rosal, pero nin de lonxe o único. O municipio é ben coñecido polos seus viños e unha das subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas, así que non é mala idea baixar á vila unha vez rematada a camiñada para refrescarse cun branco excelente.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *