Os petróglifos de Mogor e as praias de Marín

Facendo honra ao seu nome, O Morrazo é un longo fuciño de terra que se afunde nas augas do océano Atlántico. Esta comarca da provincia de Pontevedra conta con varias das praias máis fermosas de Galicia e con vilas de enorme significado histórico. Preto de 100.000 persoas habitan a península, repartidas entre os concellos de Cangas, Moaña, Bueu e Marín, ollando os dous primeiros cara a ría de Vigo e os dous últimos cara a pontevedresa.

O Morrazo é tamén terra de patrimonio prehistórico. Nela atópanse todas as tipoloxías de petróglifos de estilo atlántico: desde composicións circulares a representacións de cervos, labirintos e mesmo gravados nos que se aprecia o deseño de armas de caza.

Entre os máis importantes atópanse os da praia de Mogor, en Marín. Trátase de tres conxuntos de obras inscritas sobre rochas, a Pedra do Labirinto, a dos Campiños e a Laxe dos Mouros. Nelas vense con moita claridade deseños en forma de labirinto, formas que trazan un pasado común entre os pobos que habitaron esta zona nos tres milenios antes de Cristo e as que viviron en rexións tan afastadas coma Siria na mesma época.

Estímase que os petróglifos de Mogor teñen unha antigüidade de entre cinco e tres mil anos, e non son nin de lonxe os únicos atractivos prehistóricos do municipio. En Marín hai numerosas mámoas, castros e parafitas que falan dun pasado moi vivo. Nos últimos tempos tentouse recuperar polo menos parte deste patrimonio, moi presente na zona sur da comunidade galega.

É difícil determinar hoxe en día cal era a finalidade destes gravados. O certo é que se atopan case sempre fóra dos poboados e en lugares que adoitaban ser pasos naturais dunha aldea a outra, ao pé de camiños transitados durante séculos e, tamén, en puntos estratéxicos para a vixilancia. É o caso dos petróglifos de Mogor. Desde as penas nas que están realizados pode contemplarse unha preciosa panorámica da ría de Pontevedra, coa praia que lles dá nome en primeiro termo. Xa non é tempo de albiscar no horizonte en busca de inimigos, senón de deleitarse coa vista e quizá, despois, baixar ao areal a tomar un baño refrescante.

Porque unha das características máis interesantes deste lugar para o viaxeiro é a súa situación, a poucos metros do mar e nunha das zonas de praias máis populares da contorna da cidade de Pontevedra. Nos meses de verán, o areal de Mogor e os seus veciños Aguete e Portocelo acollen a numerosos veciños da capital provincial que chegan na liña de autobús aínda hoxe coñecida como “trole”, polo antigo trolebús. Hai tamén unha maneira aínda máis atractiva de acceder a este trío de praias singulares e ben dotado de servizos hostaleiros: utilizar a antiga estrada costeira, hoxe convertida en vía especialmente deseñada para os ciclistas, que comeza na parte traseira doutro dos lugares que fan coñecido a Marín en toda España: a Escola Naval Militar.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *