Os misterios de San Guillerme de Fisterra

O culto ao sol, antigos ritos de fecundidade, a historia dun ermitán desexoso de apartarse da vida mundana e os primeiros ecos da prolongación ata Fisterra do Camiño de peregrinación a Compostela conviven nun lugar cheo de encanto e misterio. No alto do Monte do Facho, en pleno Cabo Fisterra e cunhas magníficas vistas da ría de Corcubión e da silueta do Monte Pindo áchanse os restos da ermida de San Guillerme.

 

Hai xa máis de dous séculos que a antiga construción foi destruída así que a súa historia mestúrase coa lenda convidando o visitante a tratar de discernir onde acaba a primeira e comeza a segunda mentres pasea entre os seus restos. Os muros conducen á gran pedra que pecha un dos laterais do recinto e onde se poden ver un sepulcro  antropomorfo e unha gran laxa horizontal que foi obxecto do culto ao sol (tal como demostran os seus gravados) e que serviu tamén de escenario dun rito de fecundidade. Segundo conta a tradición, as parellas estériles desexosas de ter fillos debían durmir no lugar para poder cumprir o seu soño.

 

Como ocorreu con outros moitos espazos relacionados con ritos similares, o lugar foi cristianizado con posterioridade, aínda que non existe un consenso total sobre quen foi o ermitán que se instalou alí e que lle deu o nome que chegou ata os nosos días. Hai quen sostén que se trataba de Guillerme X, Duque de Aquitania, nobre francés que peregrinou no século XII a Compostela, cidade onde faleceu. 

 

Pero hai tamén quen relaciona o Guillerme de Fisterra con San Guillerme de Gellone, un cabaleiro que viviu varios séculos antes e que despois de participar en numerosas campañas militares cambiou as súas armas polos hábitos monacais. Segundo relata un antigo cantar, durante a conquista de Nimes por parte dos francos aos sarracenos Guillerme de Gellone accedeu á cidade disfrazado de mercador e cos seus homes escondidos en barricas. Esta historia lígao tamén con Fisterra, debido a que na localidade existe outra lenda sobre unha barrica de viño. Neste caso, a narración recollida no século  XVI por un peregrino polaco no diario das súas viaxes por varios países de Europa explica que un grupo de franceses agasallou ao ermitán de Fisterra cunha barrica de viño, pero que cando este se dispuña a subila á montaña foi enganado por un demo e acabou derramando o prezado líquido.

 

No que si parece haber máis acordo é en que outro dos ermitáns que habitaron con posterioridade a ermida foi George Crissaphan. Este peregrino húngaro chegou a Santiago no século XIV e encamiñouse cara a Fisterra tras preguntar na Catedral compostelá por un lugar solitario e apartado. Aínda que non tardaría en retomar o seu camiño tras comprobar que a afluencia de persoas ía en aumento.

 

Outros testemuños recolleitos ao longo dos séculos proban tamén a importancia do lugar. Nalgún deles dise mesmo que non había unha única ermida alí, senón tres, e noutros que alí estaba enterrado o corpo de San Guillerme, pero que durante unha incursión bretoa foron subtraídas todas as reliquias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *