Os marcos do Couto de Lampai

A historia dos marcos do Couto de Lampai é a demostración de que en Galicia, por veces, a historia aparece onde menos un a espera. Estes tres fenomenais fitos pétreos foron chantados hai case mil anos nun monte nas proximidades de Santiago de Compostela e alí permaneceron, esquecidos polo menos nos últimos tempos, á beira dun camiño que xa non se utiliza e que en moitos dos seus tramos a duras penas se identifica. Aínda hoxe non se sabe moi ben por que un emperador os mandou situar no lugar que ocupan.

Os marcos do Couto de Lampai son tres, aínda que é moi probable que en orixe houbese un cuarto. Están situados a medio camiño entre as parroquias de Cruces, en Padrón, e de Lampai, no Concello de Teo, e son accesibles ou polo menos visibles de xeito bastante doado. Dous sitúanse preto do inicio e do final da estrada DP-6502. A vía une a padronesa Porta dos Mariños (fermoso topónimo) con Lampai, lugar que conta cunha igrexa de orixe románica, lembranza dun pequeno mosteiro medieval. O terceiro fito está moi cerca da autoestrada AP-9 ao seu paso pola Escravitude, e mesmo é visible desde a calzada, no alto dunha antiga canteira abandonada.

Trátase de pedras de gran tamaño, de aproximadamente metro e medio de altura, coidadosamente labradas nas súas caras con inscricións en letra gótica moi traballada. Nestas lendas o canteiro escribiu un texto en latín que os historiadores da arte Jorge e Xoán Guitián, autores dun traballo sobre os marcos, traducen como “Ano 1156 no primeiro día das calendas de setembro coa autoridade do Emperador e de todos os asistentes poño este pedrón”.

Mais a que Emperador se refiren os marcos? Trátase de Afonso VII, que por entón, en plena Reconquista da Península Ibérica aos musulmáns, se autodenominaba “emperador de Hispania”. Os historiadores acudiron a unha obra fundamental para coñecer o pasado de Galicia, a monumental Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela, de Antonio López Ferreiro, onde confirmaron que na Catedral se conservan documentos polos que o ese rei entregaba unha gran cantidade de terra a un plebeo, Sancho Eanes, contratos medievais asinados por gran cantidade de nobres que os certificaban. Os marcos de Lampai eran, polo tanto, fermosas testemuñas das lindes de tan fenomenal regalo imperial.

Mais queda a dúbida de por que razón o poderoso emperador fixo entrega de tal cantidade de terras (entre os marcos situados ao son da estrada Porta dos Mariños-Lampai hai máis de tres quilómetros de lonxitude) a un simple plebeo. O pago por algunha fazaña realizada nas batallas de conquista ao sur da Península, quizá?

Probablemente nunca saibamos quen foi Sancho Eanes nin o que fixo para facerse merecedor de tan grande recompensa. Mais si podemos gozar da vista dos marcos, fermosamente labrados e situados a carón dun regato ou no medio dun prado, gardando as beiras dun camiño polo que hai decenios que só pasan os viaxeiros máis curiosos.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *