Os Baños de Cortegada

A provincia de Ourense é ben coñecida por ter sabido aproveitar unha herdanza termal que se estende ao longo dos séculos. As termas de Prexigueiro ou A Chavasqueira, os balnearios de Lobios ou Laias, os mananciais de Cabreiroá ou Sousas… O territorio sur de Galicia é sen dúbida xeneroso en augas medicinais. Se a isto sumamos paisaxes espectaculares, o resultado son lugares coma os Baños de Cortegada, na comarca do Ribeiro, onde a paisaxe é tan importante como a pegada termal.

Cortegada atópase a tres cuartos de hora en coche da capital provincial ourensá. É unha pequena vila de apenas 1.100 habitantes, recollida e apracible, con rúas estreitas que descenden pouco a pouco cara ao río Miño. Alí viviu os seus últimos anos o escritor Fermín Bouza Brey.

A existencia de augas mineiromedicinais na zona coñécese desde hai séculos e atopáronse documentos datados no século XV que as mencionan, relacionándoas coas propiedades do daquela poderoso mosteiro de Celanova. Mais foi no século XIX cando o termalismo se converteu nunha forma de turismo especialmente apreciada polas clases acomodadas, e tamén polos que, sen selo tanto, buscaban remedios para enfermidades ou simplemente para o cansazo dunha vida dura.

Nesta época, as pozas termais de Cortegada eran pouco máis que fontes que canalizaban as augas medicinais, aínda que co tempo foron instalándose casetas para acoller ao público que acudía principalmente nos meses de verán. En inverno, estas estruturas efémeras desmontábanse e agardaban almacenadas ata o inicio dunha nova temporada. A finais do XIX, cando máis auxe alcanzou o fenómeno termal, chegou a construírse un edificio, que acabou danado polas correntes do Miño.

O sucesor tería que esperar a que o vento da historia fose propicio. Foi finalizado en 1937, e disto dá fe un acusado aspecto art decó. Trátase dun edificio feito en formigón no que destaca a decoración exterior, principalmente o frontón que adorna a parte superior da porta. A terraza está literalmente colgada sobre o Miño, voando sobre a auga e, en certas épocas do ano, practicamente flota sobre ela. Non foi sempre así, posto que o nivel da corrente subiu de xeito considerable co levantamento nos anos sesenta do pasado século do encoro de Frieira, augas abaixo, no límite entre as provincias de Ourense e Pontevedra e xa case na fronteira con Portugal. O antigo baño de Cortegada atraía fundamentalmente a clientes chegados da contorna, e nunca alcanzou a fama doutros balnearios coma o de Mondariz ou o da Toxa, pese á riqueza e fermosura da natureza que o rodea.

O edificio contemporáneo, inaugurado hai uns anos, sitúase canda unha das primeiras construcións, feita en 1818 para aproveitar os chamados baños do monte, que abrollan na aba por enriba do balneario de 1937. É un establecemento moderno, con instalacións de última xeración. Para poñelo en funcionamento houbo, en primeiro lugar, que recuperar o manancial orixinal, estragado polas riadas e o encoro, captándoo cunha cata a seis metros de profundidade. As augas son, segundo explica a empresa xestora do complexo, sulfuradas, bicarbonatadas, fluoradas, sódicas e litínicas, e saen do subsolo a unha temperatura de 26 graos centígrados. Son beneficiosas para enfermidades da pel, do aparello dixestivo e do fígado.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *