Ortegal, un puñal no Atlántico

Fendendo o Atlántico coma un puñal, o cabo Ortegal é un dos puntos máis recoñecibles da quebrada costa galega. En poucos lugares da comunidade é máis fero o mar que aquí. Cos impresionantes cantís de Herbeira a un lado e A Mariña ao lonxe, ao outro, é o lugar ideal para contemplar o océano e recordar vellas historias mariñeiras.

A maneira máis cómoda de chegar ao Cabo Ortegal é facelo desde Cariño, tomando no centro da localidade a estrada, ben indicada. Tamén se pode chegar pola estrada que vén de Herbeira, virando á esquerda no cruce do miradoiro da Miranda. Trátase, en calquera dos dous casos, de vías estreitas e con curvas, que convén afrontar con coidado e con paciencia. Paga a pena.

A vista desde a punta é verdadeiramente privilexiada. Ao leste, o sinuoso entrante da ría de Ortigueira e Ladrido; varios ríos pequenos (os máis importantes, o Mera e o Baleo) desembocan neste entrante en forma de letra ese, de pouca profundidade e frecuentes bancos de area que forman intricadas canles e preciosas praias abertas á marusía. Máis alá, a maxestosa efixie de Estaca de Bares, o cabo que separa o Atlántico do Cantábrico e que tantas similitudes ten co mesmo Ortegal.

Mirando cara ao norte queda a inmensidade do océano. Antes, máis cerca de terra, están os escarpados illotes dos Aguillóns. O nome acáelles perfectamente, pois trátase de varias pequenas illas aguzadas nas que viven e aniñan colonias de aves mariñas. O espectáculo de velas voar está garantido: remontando correntes de aire e rozando coas plumas os salseiros, os paxaros desafían tanto a forza das mareas coma a do vento, que zoa aquí sen paredes que o limiten.

Se se torce a mirada cara ao oeste, o que se contemplará será a salvaxe serra da Capelada, poboada por mandas de cabalos e vacas en estado semisalvaxe, cuxo punto máis alto, a Garita de Herbeira, é un dos cantís máis altos de Europa. Nesta contorna existen varios miradoiros, moi ben sinalizados, desde os que se poden captar vistas privilexiadas da bisbarra.

O faro atópase nunha explanada de moderna construción que facilita as vistas. É unha edificación moderna, cilíndrica, pintada de branco e vermello, que sinaliza para os barcos esta zona da costa galega especialmente perigosa para a navegación.

Terra cara a dentro atópase a vila de Cariño, capital do municipio no que se atopa o cabo Ortegal. É unha localidade que medrou moito nos últimos anos grazas á gran actividade que desprega no seu porto, un dos máis importantes da costa cantábrica galega.

Ademais da beleza da paisaxe, Ortegal é un punto de visita obrigada para os amantes da xeoloxía. As rochas sobre as que se asenta o faro están entre as máis antigas da Península. O seu nome xeolóxico é anfibolita, e teñen máis de mil millóns de anos de antigüidade. Son rochas escuras, ricas en ferro e magnesio.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *