Oia e a Ruta Máxica

Unha simple ollada ao mapa de Galicia mostra que a súa costa é polo común abrupta, caracterizada por ese regalo da natureza que son as rías. Pero hai unha parte do litoral galego que perde esa característica para mostrarse practicamente rectilíneo, frontal e aberto ao mar. É a costa ao sur de Baiona, entre o Cabo Silleiro e a desembocadura do río Miño, unha área na que se sitúa o concello de Oia.

Moitas son as razóns para visitar este municipio: o monumental mosteiro, pegado ao mar; o ambiente gastronómico da súa contorna, no barrio do Arrabal; ou o citado Cabo Silleiro, co seu faro e as súas ruinas de emprazamentos bélicos defensivos. Falaremos de todo isto máis tarde, pero comecemos cunha camiñada que vai gustar sobre todo aos máis pequenos: a Ruta Máxica.

Pensado para facer con nenos e nenas desde a súa mesma denominación, o percorrido parte ao pé do mar da parroquia de Mougás, ao norte do concello. Hai quen prefire comezar mesmo no Mosteiro, aínda que isto alonga considerablemente a súa extensión. A ruta pequena ten seis quilómetros de lonxitude, transcorre por pistas forestais con bo firme e é axeitado para todo tipo de camiñantes. A ascensión comeza ao outro lado da estrada fronte ao camping, ofrecendo a cada pouco un lugar para repousar e ollar ao mar.

A primeira parada obrigatoria é a que se fai xunto aos petróglifos da Cabeciña, onde tamén se poden contemplar os restos dun castro fortificado. Os paneis informativos, presentes durante toda a ruta, farán que os pequenos comprendan un pouco mellor a importancia das culturas megalítica e castrexa en Galicia: neste mesmo lugar viviron persoas desde hai 4.000 anos; e desde aquí os castrexos dominaban desde o alto o litoral e o porto natural de Mougás, sen dúbida moi prezado nunha costa sen praias e de difícil abrigo. O chamado castro da Cabeciña estivo en uso ata a Idade Media, e é unha clase resumida da historia de Galicia que os nenos poden moi ben aproveitar.

Moi pronto aparecerán os outros atractivos deste percorrido: as fervenzas, de maior ou menor caída dependendo da estación na que se visiten, rematando na localización estrela do percorrido, as Pozas de Mougás. Fórmaas un pequeno río, o Peito, que nace no alto do Monte da Groba para caer ao mar en moi poucos quilómetros. Na máis grande das pozas é posible bañarse e refrescarse deste xeito despois da ascensión.

Camiñando cara ao sur, xa na parroquia de Viladesuso, atoparemos outro asentamento castrexo, chamado Cano dos Mouros, e exemplares de sobreira, unha árbore máis común nesta zona noutras épocas. E, máis arriba, os petróglifos da Pousadela, onde os antigos habitantes de Oia gravaron escenas de caza, unha embarcación ou deseños xeométricos sobre lenzos graníticos moi ben chamados a Pedra do Cazador ou a Pedra dos Chetos.

Desde os miradoiros naturais que ofrece o alto do monte pode contemplarse, alá embaixo, toda a inmensidade do Océano Atlántico e a bravura da costa de Oia. Ao sur atópase o mencionado Mosteiro de Santa María. Foi fundado a principios do século XII e viviu das rendas da pesca ata o século XIX. O edificio foise facendo en varias fases, e destaca del a sobria fachada de 1740. No seu extremo sur foi medrando unha pequena poboación, chamada O Arrabal, que conserva edificios do século XVIII, mostras ben interesantes da arquitectura mariñeira galega, Moitas delas foron recuperadas nos últimos anos con negocios de hostalería nos que repoñer forzas despois do paseo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *