O Toxa e Carboeiro, natureza e historia no corazón de Galicia

En apenas un par curvas do maxestoso río Deza, o Concello de Silleda concentra dúas das localizacións máis fermosas do interior da provincia de Pontevedra. Unha, a fervenza do río Toxa, foi escavada pola auga e o tempo nun dos afluentes da corrente principal; a outra, o mosteiro de Carboeiro, fundárono os monxes hai máis de mil anos e permanece como testemuña da puxanza dunha comarca fértil en historia.

O río Toxa, que flúe entre paredes desde as montañas de Forcarei, precipítase sobre si mesmo cando chega ás parroquias silledenses de Pazos e Martixe. Alcanzar a fervenza é ben doado desde a estrada N-525, que une Santiago de Compostela con Ourense. Á altura da poboación da Bandeira hai que tomar o desvío en dirección a Merza e Vila de Cruces, e despois estar atentos á sinalización. O coche pode deixarse nun pequeno aparcadoiro a uns centos de metros da fervenza, á que se chega baixando por unha ancha pista forestal. Ao regreso a subida pode facerse algo dura, pero pagará a pena despois do espectáculo natural que se vai presenciar.

E este espectáculo non é outro que o da considerada fervenza máis alta de Galicia. O río, encaixado entre paredes de granito, cae sobre unhas pozas facendo un enorme estrondo e formando nubes de vapor que colorean o aire ao cruzarse coa luz. Nesta parte de Galicia existen varios lugares nos que a flora máis común nos montes do noroeste (carballos, castiñeiros) se mistura con outras especies quizá máis propias de climas cálidos ou mediterráneos (sobreiras, érbedos) e outras propias da vexetación de ribeira (salgueiros ou freixos). Ocorre aquí, ao pé do Toxa, e tamén en contornas naturais coma os próximos Sobreirais do Arnego. Un pouco máis abaixo da fervenza o Toxa retórcese entre as pedras antes de desembocar definitivamente no Deza.

Augas arriba deste último río atópase o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, totalmente rodeado por unha curva de auga. Abandonado por completo a mediados do XIX despois da chamada “desamortización”, o seu baleiro interior é impoñente. Non quedan do antigo cenobio máis que as súas estruturas, o sol que o invade e o po dun milenio. A igrexa, totalmente exenta de mobles e outros elementos, é especialmente fermosa: altas columnas con capiteis vexetais soportan as bóvedas, construídas nos séculos XII e XIII a cabalo do románico e o gótico. A restauración recente do recinto permite tanto baixar á cripta como subir ás torres, un ascenso traballoso pero imprescindible. Desde arriba pode entenderse a estratéxica situación da comunidade monacal, fundada no século X e protexida polas augas do Deza en tres dos catro puntos cardinais.

Saíndo do mosteiro, á man dereita, pode collerse un camiño, tamén fácil de andar, que nos levará ao mesmo pé da corrente. O río atravésase aquí cruzando a chamada Ponte do Demo, que une os concellos de Silleda e Vila de Cruces e recibe o seu nome de vellas lendas que sitúan a Lucifer como autor da obra. Tradicións aparte, a ponte é unha construción magnífica, cun único ollo alto e perfecto sobre o Deza, o río central dunha fértil comarca no corazón de Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *