O Templo da Vera Cruz, no Carballiño

É fácil ver que o templo da Vera Cruz, no Carballiño (Ourense) é un edificio moi singular. Pese ás súas formas arcaizantes, é relativamente moderno, pois conta con só tres cuartos de século de antigüidade, o que, en cuestión de igrexas, é moi pouco tempo. A obra comezou canda o verán de 1943 e é unha das creacións mestras do gran arquitecto galego do século XX, o porriñés Antonio Palacios Ramilo.

Palacios é ben coñecido polas obras que proxectou na primeira parte do século na capital de España. En Madrid pode gozarse de varios deseños clave dentro da súa traxectoria artística: o Palacio de Comunicacións, hoxe sé do Concello, é probablemente o máis significativo e recoñecible deles, pero tamén son froito do seu enxeño o Círculo de Bellas Artes, a sede do Instituto Cervantes ou o hospital de Maúdes, puntos fixos de calquera percorrido arquitectónico pola capital española.

A pegada de Palacios na súa Galicia natal tamén é cousa de destacar. Seu é, por exemplo, o curiosísimo edificio do Concello do Porriño, onde naceu en 1874, unha sorte de castelo contemporáneo que traslada ao espectador a outro tempo e outro lugar, situado como está no centro da industriosa vila pontevedresa. Ou a modernista gardería municipal que se atopa en plena Alameda de Santiago de Compostela, o único que queda da Exposición Regional Gallega de 1898, e que emerxe branca, coma un dóce de merengue, no medio da vexetación do gran parque capitalino.

Este gusto polo contraste pode apreciarse tamén no Templo da Vera Cruz do Carballiño. A vila expandiuse de xeito notable durante o século XX, e ao casco histórico, onde hoxe en día van centos de persoas para probar delicias gastronómicas coma o polbo (din que este é o lugar onde mellor o cociñan de Galicia), fóronselle unindo barrios de moderna construción, uns con máis acerto arquitectónico que outros. Nun deles está a Vera Cruz, encargada en 1942 polo párroco local e os veciños aproveitando unha estancia de Palacios en Ourense. Naquela altura, xa era un arquitecto de grande sona, e un proxecto coma aquel non era pouca cousa para a vila.

A primeira pedra colocouse en 1943. Foi quizá a última gran obra de Palacios, falecido só un par de anos máis tarde, e é debedora doutro gran edificio relixioso proxectado polo porriñés en Galicia, o Templo Votivo do Mar de Panxón (Pontevedra). As naves principais rematáronse en 1948 e a torre en 1957, aínda que a igrexa se abriu ao culto en 1952, nas festas de San Cibrán, patrón da localidade.

O templo está construído na súa totalidade en granito local e lousa, e é un resumo de estilos. Ábsidas neorrománicas mestúranse con arcos apuntados, recodos que se gardan celosamente á sombra contrastan con grandes ventanais que enchen de luz a construción. A alta torre é posiblemente o punto máis recoñecible de todo o Carballiño, e ilumina a poboación coma un faro medieval que busca tocar o ceo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *