O sur de Galicia desde o mirador da Siradella

A Siradella é o punto máis alto do Concello do Grove. Resulta, polo tanto, o lugar ideal para facer un experimento: arrimados á varanda, xunto á mole de pedra que o caracteriza, fagamos un percorrido para gozar do panorama. Pagará a pena, posto que desde aquí pódese contemplar boa parte do sur de Galicia, coas características rías e as praias que cada verán atraen a máis viaxeiros.

Chegar ao miradoiro é doado, pois as súas lombas dominan constantemente a paisaxe da península grovense. Se se vai en coche desde a capital municipal hai que saír cara a San Vicente do Mar pola EP 9101 e, non ben rematada a vila do Grove, virar á esquerda por unha estrada estreita pero moi ben sinalizada. A Siradella non é un monte moi grande (non chega aos 200 metros de altitude), pero a súa situación, como promontorio privilexiado, faranos entender moito mellor como se conforma a paisaxe destas latitudes de Galicia.

Desde o miradoiro principal, a vista viaxa inmediatamente cara ao sur, á longa lingua de area que une O Grove co resto do continente. Á dereita deste amplo istmo sitúase a praia da Lanzada, unha das máis amplas e fermosas de Galicia e destino cobizado cada verán por milleiros de amantes do mar e do sol. O areal ten unha gran vantaxe: con máis de dous quilómetros de extensión, por máis afluencia que haxa sempre atoparás un oco ben amplo para gozar da tarde de praia. Desde o alto da Siradella repara, en primeiro termo, no aparcadoiro principal da Lanzada, perpendicular á barra de area. Trátase dunha liña recta que, aínda que pareza incrible, foi o comezo do proxecto dun aeroporto que nunca chegou a completarse. Construíuse en 1952 como parte dunha obra que, finalmente, se desestimou.

Levantando un pouco a vista, tamén á dereita do istmo, poderás ver a Illa de Ons, parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e aínda máis alá mesmo a silueta das Cíes e os entrantes de terra do Morrazo e da Costa da Vela, que separan as rías de Pontevedra e de Vigo.

Volve a vista cara a parte esquerda do istmo da Lanzada. O que ves é o complexo intermareal Umia-O Grove, formado pola desembocadura de dito río, á altura de Cambados. Trátase dun terreo no que a profundidade do mar é pequena e no que a auga se renova pouco a pouco, resultando a praza ideal para o repouso de miles de aves de paso. Se concentras a vista quizá poidas ver a cheminea dalgunha das numerosas telleiras (fábricas de tellas e ladrillo) que houbo nesta zona durante anos. Algunhas foron recuperadas para mostrar como funcionaban na súa época de esplendor.

Deixando o miradoiro principal do Siradella e subindo un pouco máis, por encima do aparcamento, podes virar a vista cara ao Océano e as rías de máis ao norte. Desde aquí apréciase, ao oeste, a inmensidade do Atlántico e, máis á dereita, a liña de costa de Arousa.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *