O Santuario das Ermidas no Bolo

O pequeno concello ourensán do Bolo, na comarca de Valdeorras, contén en apenas 91 quilómetros cadrados dous monumentos de excepcional importancia e beleza. Un é o castelo, edificado no século XIII e reformado no XVI tras resultar moi danado nas Revoltas Irmandiñas, que domina a pequena vila de traza medieval na que se asenta aínda hoxe a Casa do Concello. A outra localización destacable do municipio é o Santuario da Nosa Señora das Ermidas, que sorprende tanto pola situación como pola súa magnificencia barroca.

De feito, é o contraste entre as escarpadas ladeiras que o rodean e a arquitectura sobria e á vez suntuosa o que máis destaca do conxunto. O santuario pertence á diocese de Astorga, e precisamente de terras do Bierzo provén a fundación orixinal. Segundo se conta, nunha cova da zona atopouse unha imaxe da Virxe, a mesma imaxe que, moito despois, se lle aparecería a un convalecente bispo astorgano para que recuperase milagrosamente a saúde. O bispo, Alonso Mejía de Tovar, sería quen encargase no século XVII a construción da igrexa.

O edificio principal é unha xoia do barroco galego. Consta dunha nave á que despois se lle engadiron dúas máis, de tamaño irregular. A igrexa semella estar apoiada na rocha da montaña. Desde un lateral do altar principal pódese subir ao transepto, para admirar máis de cerca a figura da Virxe das Ermidas.

A fachada é un prodixio barroco deseñado a principios do XVIII polo arquitecto Juan Martínez Pita, responsable na época da reforma de varias igrexas ourensás e que aquí logrou probablemente a súa obra máis sobranceira. Non faltan nela varios dos elementos que fan do barroco un estilo exuberante e á vez funcional: as columnas clásicas combinadas coas salomónicas, os xogos de volumes nas torres, a integración enxeñosa das esculturas no frontón e nos ocos que a propia construción vai deixando… Para quen coñeza a Catedral de Santiago, a fachada das Ermidas ben podería parecerlle un Obradoiro resumido. Preside esta entrada principal un escudo polícromo dos bispos de Astorga, promotores e administradores do templo.

Tamén ten o conxunto artístico un indubidable sabor portugués. Ao país veciño remite, por exemplo, o cruceiro situado no adro, ante a igrexa e o edificio que servía de residencia ao bispo. Fíxoo, de feito, un escultor luso, Manoel Miranda, tamén no XVIII. Igualmente se pode relacionar con outros situados en Portugal o excepcional Via Crucis que parte da igrexa e ascende pola vía principal da aldea. Entre as casas, aproveitando paredes e fontes, en recantos insospeitados aparecen as estacións da Paixón de Cristo, que se poden seguir camiñando monte arriba.

No medio deste Via Crucis atópase unha das fontes máis fermosas que se poden ver en Galicia, a da Dormiñona. Exemplo excepcional de arquitectura popular, o corpo principal mostra a imaxe dunha moza apoiada nunha garrafa, durmida sobre a man dereita. Coroan o conxunto un escudo mariano e a outra figura feminina máis.

O Santuario das Ermidas é o pano de fondo dunha das romarías máis populares da zona, que se leva a cabo durante a Semana Santa. Centos de fieis dos arredores achéganse ao Bolo para participar nela e gozar, de paso, dunha contorna privilexiada na que non falta unha praia fluvial para refrescarse se o calor da primavera abafa.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *