O misterio de Santa Mariña de Augas Santas

Non é unha esaxeración: Santa Mariña de Augas Santas é un dos lugares máis misteriosos de Galicia. Unha paisaxe de conto de fadas, lendas a cabalo entre o cristianismo e o paganismo, criptas e ruínas da antigüidade… Todo isto xúntase nuns poucos quilómetros cadrados desta parroquia do concello de Allariz (Ourense). E todo nace dunha historia que ocorreu, ou iso din, hai dous milleiros de anos.

A tradición conta que no século II vivía neste lugar a fermosa Mariña, filla dun gobernador romano de Gallaecia que, como tal, tiña por deuses os do panteón pagán imperial. Pero Mariña, influenciada pola escrava que a criara, converteuse ao cristianismo. O pai, escandalizado, repudiouna. Vivindo xa lonxe da casa, outro alto funcionario romano de nome Olibrio encaprichouse dela. Ante a negativa de Mariña a ceder ás súas insinuacións, Olibrio deulle tormento e mesmo a queimou nun forno subterráneo ao pé do castro de Armeá. Mariña salvouse por intervención divina: no último instante, San Pedro abriu co bastón un burato no teito do forno para que a moza escapase, só para que finalmente os romanos lle cortasen a cabeza. A testa da rapaza rebotou tres veces no piso, repetindo a palabra “creo” e facendo xurdir con cada golpe un manancial.

A historia é un tanto truculenta, pero o bo para o viaxeiro é que os lugares do mítico martirio poden visitarse hoxe dando apenas un paseo desde a preciosa igrexa de Santa Mariña de Augas Santas. No templo, cun precioso rosetón románico, consérvanse as reliquias da moza. Arredor del hai varios edificios ben antigos e interesantes. Un deles é o vello pazo de verán do bispo de Ourense, que garda no interior a primeira das fontes atribuídas á decapitación de Mariña. Unha segunda xorde detrás da cabeceira da igrexa.

Aldea abaixo tómase o camiño cara o castro de Armeá, unha senda feita con grandes bloques de pedra e rodeada de carballos. A medio traxecto chégase á máis misteriosa das localizacións: a inacabada basílica da Asunción. No século XIV as obras deste edificio quedaron incompletas por razóns que se descoñecen, aínda que se atribúen ao ocaso da orde dos Templarios, promotora da obra. Debaixo dos espidos muros atópase outro segredo, non apto para corazóns sensibles: pode accederse ao ‘forno da Santa’, unha cripta húmida e escura na que segundo a tradición foi abrasada Santa Mariña. É en realidade unha construción prerromana, probablemente un templo ou uns baños.

O camiño continúa a través do monte e pasa polas ‘pioucas da Santa‘, dúas pozas rectangulares nas que Mariña se refrescou despois do tormento e probablemente vellas prensas para facer aceite. Ao final do percorrido atópanse as escavacións da citania de Armeá, un castro que debeu ter grandes proporcións.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *