O miradoiro do Ézaro, un Olimpo ciclista

Din que o sufrimento é inherente ao ciclismo. O miradoiro do Ézaro debe ser, polo tanto, un dos Olimpos deste deporte: descuberto para o gran público na Vuelta a España de 2012, as súas brutais pendentes son lugar de peregrinación para numerosos amantes da bicicleta que, retorcéndose sobre os pedais, emulan aos ídolos do pelotón nunha das subidas máis emblemáticas de Galicia.

A tremenda costa de Ézaro non engana. Xusto ao seu comezo, ao pé da pequena e fermosa ría que forma o Xallas ao chegar ao mar, unha sinal de tráfico advirte de que a estrada chega a empinarse ata o 30%. A verdade é que en menos de dous quilómetros o camiño ascende preto de 300 metros, subindo practicamente desde a praia ata o miradoiro, xusto por encima do nivel da fervenza que forma o río ao se precipitar ao mar. É, polo tanto, unha subida enorme en moi pouco treito, que se salva con porcentaxes de impresión.

A “festa” ciclista comeza pronto, pois nada máis entrar na estrada do miradoiro o asfalto ponse ao 16%, sen descanso ningún. A inclinación é tanta e a velocidade tan pequena que a algún ciclista lle dará tempo a preguntar aos transeúntes se queda moito ata a cima. E moito non queda: queda o peor. A media subida encóntrase a parte máis dura, a xa famosa rampla de cemento que alcanza o 29% de inclinación. O tramo ten unicamente cen metros de longo, pero é un auténtico muro, e quen non estea debidamente adestrado ou non leve a bicicleta equipada coas marchas convenientes acabará botando pé a terra. Superada esta zona fatídica a cousa non mellora moito, sobre todo porque, despois do esforzo sobre o formigón, o corpo comeza a protestar. Queda ata a cima outro quilómetro empinado, con picos de ata o 18%, que leva ao ciclista ata o aparcamento do miradoiro. Chegar alí, despois dun cuarto de hora ou vinte minutos de esforzo ao límite, provoca unha sensación de felicidade que fai entender por que cada vez máis persoas practican este deporte.

A subida, ben coñecida desde hai anos polos cicloturistas da zona, fíxose popular despois de ser incluída no trazado da Vuelta a España de 2012. Na súa primeira aparición no percorrido da proba foi o campión catalán Joaquim Purito Rodríguez o que conseguiu subilo en primeiro lugar. Os seus tempos parciais e o final ao chegar ao alto, que segue a ser o récord en competición, están hoxe impresos en sinais situadas á beira da estrada. Comparar as marcas que un fai coas que logrou hai seis anos o escalador de Parets del Vallès é un dos aspectos simpáticos do percorrido, aínda que, na maior parte dos casos, os resultados difiran bastante. En 2016 o miradoiro foi de novo final de etapa, con vitoria do francés Alexandre Geniez.

Outro premio impagable é a vista que se contempla desde o alto do miradoiro, na que a forza do Xallas caendo entre as rochas contrasta coa calma do tramo final que o leva ao mar, en tres curvas sobre as que flotan as lanchas de pescadores. Ao lonxe queda a praia, e arredor, o mítico monte Pindo, coas súas abas peladas, e a fermosa Costa da Morte.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *